12 de ago. de 2025

A CORUÑA

Mafalda, unha icona mundial que xa é parte de Galicia

  A Coruña acolle a primeira exposición peninsular sobre Quino e a música da man de Viñetas desde o Atlántico 


Este martes, a alcaldesa Inés Rey, xunto co director do festival, Manel Cráneo, inauguraron esta nova figura no marco dunha visita á exposición ‘Quino na música’
Fotos: Cedidas

Infogauda / A Coruña

 Mafalda xa é parte da Coruña, e de Galicia. A mítica personaxe de Quino pasará a formar parte do elenco das míticas figuras que ano tras ano invaden a cidade coruñesa durante a celebración do Viñetas desde o Atlántico.  Precisamente, este martes, a alcaldesa Inés Rey, xunto co director do festival, Manel Cráneo, inauguraron esta nova figura no marco dunha visita á exposición ‘Quino na música’, unha homenaxe sen precedentes á obra do debuxante arxentino Joaquín Salvador Lavado Tejón, Quino (1932–2020), centrada na súa relación fonda e constante coa música. A mostra, aberta ao público dende xuño na sala de exposicións do Palexco, poderá visitarse ata o 21 de setembro.

 

A alcaldesa Inés Rey, xunto co director do festival, Manel Cráneo

 Con máis dun cento de debuxos orixinais, entre eles tiras publicadas dende os anos cincuenta ata finais dos noventa, ‘Quino na música’ amosa como a música —do tango ao rock, da música clásica ao pop— está presente en toda a traxectoria do autor. Dende o amor de Mafalda polos Beatles ata a crítica á censura ou aos poderes establecidos a través da música, a exposición permite redescubrir a riqueza expresiva, estética e ideolóxica dunha das voces máis singulares do humor gráfico contemporáneo. 

Tecnoloxía 3D 

 As persoas visitantes que se acheguen a esta mostra tamén poderán sacarse fotos 3D coas personaxes de Mafalda e Astro Ratón grazas ao escáner de última xeración ScanMeNow. Este aparato conta con 120 cámaras e reproduce fotos tridimensionais que os asistentes poden descargar a través dun código QR. É un aporte de Turismo da Coruña ao festival Viñetas desde o Atlántico dentro da súa estratexia de sostebinilidade e a primera vez que se pode gozar del nunha gran exposición na Coruña. “É a primeira vez que esta tecnoloxía se utiliza nunha gran exposición do cómic en España”, destacou Manel Cráneo.

Un percorrido temático e emocional 

 A exposición ‘Quino na música’ divídese en varias seccións temáticas que permiten trazar un percorrido coherente e envolvente pola obra do autor: 

 O humor e a musicalidade dos seus personaxes, como Mafalda ou Guille, que expresan as súas ideas a través da música ou revelan gustos musicais que reflicten tensións sociais e xeracionais. 

Referencias musicais nas súas obras: A través de partituras, instrumentos e letras de cancións, Quino constrúe situacións que dialogan co contexto cultural da Arxentina e do mundo. 

Música e política

 A exposición salienta tamén as viñetas nas que a música se utiliza como vehículo de crítica, resistencia ou conciencia social. 

Colaboracións artísticas

 Inclúese tamén unha selección de materiais audiovisuais e documentos que ilustran as colaboracións de Quino con músicos e artistas ao longo da súa carreira. 

 Entre as pezas máis destacadas atópanse páxinas orixinais nas que Mafalda interroga o mundo mentres escoita discos de vinilo, sátiras visuais sobre concertos ou educación musical, ou debuxos nos que os pentagramas e os instrumentos se converten en ferramentas narrativas e simbólicas. 

Un dos pratos fortes do Viñetas 2025  

 A chegada de Quino na música a Galicia supón un dos actos centrais da edición 2025 do Viñetas desde o Atlántico, que celebra estes días a súa semana grande. A exposición reforza o compromiso do festival co recoñecemento internacional da banda deseñada como arte maior e coa promoción de autorías que marcaron xeracións de lectores e lectoras en todo o mundo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario