O sector da banda deseñada en Galicia: “Hai máis autores, moito nivel, pero hai falta de público”
• Ilustradores galegos destacan que, a pesar de que aínda falta público de banda deseñada en Galicia, o certo é que cada ano nótase un aumento de interese por este sector
Infogauda / A Coruña
A banda deseñada en Galicia está nun bo momento creativo, hai máis autores e autoras e máis oferta que hai uns anos, pero falta mercado e tamén máis axudas para impulsar un sector que move millóns de euros en Europa. Así o recoñecen destacados ilustradores galegos que esta semana estiveron no Viñetas desde o Atlántico.
“Hai máis autores, máis xente moi preparada, con moitísimo nivel, pero hai falta de público. Ademais o noso é un mercado complicado”, destaca Iván Suárez. “Hai bastantes máis autores e máis xente nova tamén, pero é certo que temos un problema co público”, engade Inacio Vilariño. Tamén hai un problema de mercado. Nun mundo globalizado vende máis escribir en inglés e debuxar iconas do mundo anglosaxón. “Vivir da banda diseñada en galego, é complicado, pero si se pode vivir da banda deseñada. Hai autores que o fan, pero sempre ligados a bandas americanas”, apunta Inacio. E é que o cómic americano, ou o francés, son plataformas de lanzamento para aqueles autores que queren vivir deste sector. “O público en galego é moi pequeno. As tiradas son moi pequenas pero o caso é poñerse e unha cousa tira doutra e, agora, hai moita xente que está traballando para outros mercados. E iso, pois, é bo”, engade Iván.
Os dous saben ben do que falan. Levan anos adicándose ao mundo da banda deseñada en Galicia. Foron galardoados co Premio Castelao de banda deseñada da Deputación da Coruña por Titoán en 2011, con guión do primeiro e debuxos do segundo. Despois virían O pobre tolo (2012), Máis alá (2013) e Atila (2015), os outros álbums nos que se contan as vidas de Castelao. Precisamente, estes dous autores son protagonistas, xunto con Sandra López e Laura Suárez, das exposicións sobre Castelao nesta edición do Viñetas desde o Atlántico. Unha chiscadela que este festival fixo ao artista e ilustrador rianxeiro no Ano Castelao.
Galicia ten “canteira”
Tamén Sandra López e Laura Suárez opinan o mesmo. Están convencidas de que en Galicia hai moita canteira e talento e “xente boísima” no mundo da banda deseñada. Pero tamén coinciden en que o mercado galego, e tamén o español, “é complicado”. “É certo que se consume cómic pero non moito en galego”, apunta Sandra que considera moi necesario que se “impulse” este sector desde as administracións.
As dúas autoras, que tamén recibiron o Premio Castelao de banda deseñada, consideran que este tipo de galardóns “dan moita visibilidade” ás novas promesas. “Ademais do propio recoñecemento hai unha dotación económica que axuda a seguir e traballar nun proxecto durante varios meses”, engade Laura.
Aumenta o interese
A pesar de que aínda falta público de banda deseñada en Galicia, o certo é que cada ano nótase un aumento de interese por este sector. E, en boa parte, grazas ao traballo que se fai desde as bibliotecas. “Eles están facendo unha labor importantísima para atraer novos lectores”, destaca Iván. E algo que gusta entre os e as máis novas, e non tan novos, é o cómic histórico, que nos últimos anos experimentou un importante crecemento. “É un dos puntos de forza do cómic. Ves como sempre se resaltan figuras, biografías, que aparecen de grandes autores, de grandes personalidades da cultura, da política. É unha das principais polas que está tirando agora do sector”, recoñece Inacio.
O Viñetas desde o Atlántico, a feira de banda deseñada máis importante de Galicia, é un bo escaparate para que os autores galegos dean a coñecer o seu traballo. E é algo que recoñecen todos eles. “Comezamos en 2010, sen moita pretensión. Inacio tiña a idea de facer un taller, un cómic... 15 anos despois estamos aquí no Viñetas, cunha exposición, con oito títulos, con proxectos esperando ser realizados. Poderiamos dicir que é un recoñecemento ao traballo realizado”, di Iván.
Por iso, os dous autores animan ás autoras e autores novos a realizar banda deseñada en galego. “O consello que lles dou é facelo en Galicia, sobre personalidades galegas e sobre asuntos de temática galega”, indica Inacio. “E eu dígolles que teñan paciencia. Agora as novas xeracións teñen outros medios para publicitarse e o galego tamén está no mercado”, engade Iván.
Inacio Vilariño e Iván Suárez
Inacio Vilariño (Lalín, 1974) e Iván Suárez (Santiago de Compostela, 1973) foron galardoados co Premio Castelao de cómic da Deputación da Coruña por Titoán en 2011, con guion do primeiro e debuxos do segundo. Despois virían O pobre tolo (2012), Máis alá (2013) e Atila (2015), os outros álbums nos que se contan as vidas de Castelao. Logo, relacionados cos espectáculos de marionetas de Inacio e coa súa investigación histórica, e novamente en colaboración con Iván, foron aparecendo outros títulos como As pombas de Carboeiro (2020), O voo da curuxa (2022), O reiciño de Galiza (2023) ou Pedro e o lobo (2024). Antes disto, pola súa banda, Iván alternara o traballo como deseñador coa ilustración infantil e xuvenil. En 2008 fixo a súa primeira incursión na animación coa curtametraxe Corre, corre, cabaciña. Nos últimos anos combinou a docencia coa creación de historieta e, á parte das súas colaboracións con Inacio, publicou o volume Ricardo Carvalho Calero – Coraçom de terra, con Xico Paradelo e Irene Veiga (2020).
Sandra Lodi
Sandra Lodi (Lugo, 1990). Ilustradora, deseñadora e artista plástica. Estudou Belas Artes en Salamanca. Publica na revista Mongolia e no semanario en liña El Estafador, así como noutros xornais. En 2019 foi premiada co segundo premio Curuxa de Humor Gráfico. En 2024 obtivo o Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado coa obra Papóns (Galaxia, 2024) e o Premio Castelao de Banda Deseñada, na categoría xeral, pola obra Adelina.
Laura Suárez
Laura Suárez (Dumbría, A Coruña, 1994). Estudou Belas Artes na Universitat Politècnica de València e cursou un mestrado en cómic e ilustración na escola Elisava de Barcelona. En 2019 publicou o libro de BD Los cuentos de la niebla (Dibbuks). É autora do libro ilustrado Monte Pindo. Historias de lendas do olimpo celta (Galaxia, 2021) e da serie de cómic infantil Monster Support Group (Flying Eye Books, 2023). En 2024 conseguiu o Premio Castelao de Banda Deseñada na súa categoría infantil e xuvenil con A raíña cadáver.
Ningún comentario:
Publicar un comentario