17 de ago. de 2025

A CORUÑA

«No cómic, as mulleres temos a capacidade e a necesidade de transformar todo aquilo que nos incomoda, que nos agride» 

  Artistas consolidadas e novas promesas da novela gráfica destacan o incremento de voces femininas neste sector, tradicionalmente masculino. 

  Recoñecen as dificultades desta industria, pero animan as novas xeracións a perseverar se queren converterse en ilustradoras profesionais 


Marika Vila,  Sara Jotabé e  Montse Mazorriaga, no festival Viñetas desde o Atlántico
Foto: Cedida


 Infogauda /  A Coruña 

 «O cómic foi un territorio moi remiso a abrirse á entrada das voces femininas. Tivo durante moito tempo un discurso patriarcal». Marika Vila, artista gráfica, ilustradora, autora de banda deseñada, investigadora especialista en estudos de xénero e docente da UAB, ten claro como foi o sector da novela gráfica ata hai uns anos. Algo que agora cambiou, especialmente, polo traballo de pioneiras coma ela, e dunha nova fornada de mozas ilustradoras. 

 De feito, a feminización do mundo do cómic xa é un feito. Así o corrobora a ilustradora Montse Mazorriaga, para quen o aumento da calidade das obras feitas por mulleres «é impresionante, porque hai diversidade de voces e hai diversidade de temas». Sara Jotabé, da nova fornada de artistas, xa non ve tanto un problema de xénero, senón de etiquetas. «O que é complexo agora mesmo na sociedade é saírse dos canons e dos padróns establecidos... porque a xente busca as etiquetas», di. 

 Marika Vila lembra que movementos dentro do sector como a revista El Vívora ou o cómic de final do século XX seguen sendo «moi masculinos». «As gretas que fomos abrindo as autoras permitiron entrar voces novas e, con elas, a diversidade», sinala. Algo que comparte tamén Montse Mazorriaga. «Desde a páxina un dun cómic, as mulleres temos a capacidade e a necesidade de transformar todo aquilo que nos incomoda, que nos agride, que nos molesta ou que nos interesaría mostrar a través das súas páxinas», apunta. 

 Para Sara Jotabé, o cómic é unha ferramenta «moi potente» para lanzar mensaxes, porque «lle chega de forma directa ao lector e xérase un diálogo». «É unha ferramenta indispensable para mostrar todos estes temas e reivindicar sempre esta postura feminista e non feminista e, sobre todo, tamén de calquera grupo non binario», agrega Montse. 

Vivir do cómic 

 A pesar do cambio de tendencias e de xéneros neste sector, o certo é que ilustradores e ilustradoras coinciden na dificultade de poder vivir plenamente do cómic. «Dentro de como está todo e de que, realmente, vivir do cómic é algo complexo, eu son optimista e animo a todas as persoas que están a comezar ou teñan interese nisto a que se lancen. Porque, desde logo, temos vontade e son moitas voces e moi diversas», comenta a este respecto Sara Jotabé. A A pesar disto, é importante nesta industria o apoio das institucións. Un apoio que, aínda que tamén creceu nos últimos anos, non é o desexado polos autores. «É certo que o Goberno nos ten dado sinais de que apoia o cómic e de que apoia a produción cultural española, pero aí estamos, a ver como se desenvolve e a onde leva», comenta Marika Vila en relación con iso.

 Nos últimos anos tamén aumentaron o público e o mercado da novela gráfica. E iso tamén axuda ao desenvolvemento deste sector. «Creo que mellorou substancialmente, sobre todo, a nivel nacional, aínda que, evidentemente, hai que facer chegar o cómic á maioría dos lectores, e pode facerse dunha maneira moi directa porque conta historias moi actuais», apunta Montse Mazorriaga. E, aínda que hai dificultades, as autoras animan as novas promesas. «Vivir do cómic é complicado, pero tamén é moi complicado facerse unha estrela do pop, ou conseguir vivir do fútbol, ou de calquera deporte e, con todo, a xente non desiste no seu empeño... É complicado, pero non é imposible», apunta Sara Jotabé.

Consellos ás novas xeracións

 Por isto, estas tres ilustradoras animan as novas promesas a meterse de cheo na industria do cómic se é o que lles gusta. E que o fagan sen temor ao futuro profesional. «O primeiro erro é non tentalo. Só o mero feito de encamiñarse a vivir do cómic é estar no bo camiño. O feito de atoparse con negativas polo camiño non é só da industria do cómic, senón da vida», asegura Sara Jotabé, que lles pide aos máis novos «que non desistan no seu empeño e que se rodeen de xente que lles achegue cousas».

 Marika Vila aposta por «paciencia, constancia e traballo», mentres que Montse Mazorriaga insiste na «paciencia». «Nunca é tarde. Hai que comezar cando un vexa que ten que comezar, pero se comezas moi cedo tamén tes que empezar a ser constante, traballador e moi paciente», engade.

O que supón o Viñetas

 Estas tres autoras participaron estes días no festival Viñetas desde o Atlántico, o maior festival de banda deseñada do noroeste peninsular. Unha cita, din, «imprescindible» para os amantes deste sector.

 Marika é a segunda vez que vén a este festival. «Encántame vir a este salón. É un salón que reúne a internacionalidade, veñen autores de todas as partes, pero tamén potencia o cómic autóctono e a lingua e a cultura galegas e, por tanto, faite sentir como na casa», apunta.

 Montse e Sara é a primeira vez que participan. «O festival ten unha onda superguai, ou sexa que eu encantada de estar aquí, e espero poder volver», di a segunda, mentres que para a primeira é «moi acolledor». «Tiven gratas experiencias, e cos lectores e as lectoras que se achegaron, e gustoume moitísimo», conclúe.

Montse Mazorriaga

 Montse Mazorriaga (Viladecavalls, Barcelona, 1972). É autora de cómic e ilustradora. Estudou Humanidades e Deseño Gráfico e é autodidacta no campo máis artístico. Publicou con Elpoblet Edicions o álbum ilustrado Santi, Jordi, la princesa i el drac (2016), e en Cósmica Editorial, a BD Nellie Bly, diario de una viajera (2019), con guión de Carlos Correia. Participou nos cómics benéficos Paz e Mil brujas (2022), de Serendipia Editorial. Os seus últimos títulos publicados son La Luna de Verne, (Serendipia Editorial, 2023); Ordo Virtutum (Wack! Cómics, 2024), La partida (Cascaborra Editorial, 2025) e Orlando (Bang, 2025), adaptación da novela de Virginia Woolf.

Marika Vila

 Marika Vila (Barcelona, 1949). Artista gráfica, ilustradora, autora de cómic, investigadora especialista en estudos de xénero, docente (UAB), articulista e crítica de cómic (Serra d’Or). En 1970 iniciouse na profesión como ilustradora e debuxante de cómic, publicando en Inglaterra, Escocia, Italia e Suecia. Despois, participou na revista Troya e cos colectivos La Astronave Pirata e Equipo Butifarra. Publicou en cabeceiras como Tótem, Interviú, Rambla, El Jueves ou Gaceta Ilustrada. Recibiu múltiples galardóns, como o Premio Ivà 2018 á mellor historietista profesional, o premio honorífico do Colectivo Autoras de Cómic 2020 ou o Gran Premio Comic Barcelona 2024. Recentemente publicou as novelas gráficas Mata Hari (Isla de Nabumbu, 2.ª ed. 2023) e Moderna secreta (hija de Morgana) (Marmotilla, 2025), renovada e con novos capítulos.

Sara Jotabé

 Sara Jotabé (Zaragoza, 1993). Autora de cómic, ilustradora e humorista gráfica. Especializada no humor e nas causas sociais; entre as súas obras destacan Quiero ser como tú (Panini, 2021), Tapper para tres (Fandogamia, 2022) ou Pajas mentales (Letrablanka, 2016), así como Un día normal (Amanixer/Ayuntamiento de Zaragoza, 2025). Ademais, é autora das mostras itinerantes nacionais Mujeres con discapacidad (proxecto con tres edicións realizado xunto a Amanixer, Asociación Aragonesa de Mujeres con Discapacidad, e o Concello de Zaragoza), Igual de profesionales e Viñetas por la igualdad y contra la violencia de género.

Ningún comentario:

Publicar un comentario