Sandra Lodi e Laura Suárez, ilustradoras: «Hai 28 anos, case todas as temáticas dos cómics eran masculinas»
• A nova fornada das ilustradoras galegas: de Superman e Batman a Inés de Castro
Infogauda / A Coruña
As mulleres tamén se abren paso no mundo da banda deseñada de Galicia. De feito, é a nova fornada de autoras a que está colleitando numerosos premios. Premios e galardóns que reivindican con orgullo para destacar a importancia que a muller tamén ten no cómic, un sector que ata hai uns anos era eminentemente masculino.
E ben
saben diso Sandra Lodi e Laura Suárez. As dúas teñen varias obras publicadas,
así como destacados premios. Sandra obtivo en 2024 o Premio Alberte Quiñoi de
Álbum Ilustrado coa obra Papóns e o Premio Castelao de Banda Deseñada, na categoría
xeral, pola obra Adelina. Tamén Laura conseguiu en 2024 o Premio Castelao de
Banda Deseñada na súa categoría infantil e xuvenil con A raíña cadáver. E as
dúas coinciden no cambio de padróns da banda deseñada nos últimos anos.
O propio
festival Viñetas desde o Atlántico, referente nos salóns de cómic de Galicia e
do Estado, é un bo exemplo disto. «Hai 28 anos, non había case mulleres
convidadas. Podía haber unha muller en cada edición e, agora, cambiou
completamente a situación», lembra Sandra. Non só a súa participación, senón a
temática. «Eran produtos moi dirixidos a homes; Superman, Batman... eran
temáticas que quizais ás mulleres non nos interesaban moito», engade.
Ollada feminina
De feito,
os seus referentes no mundo do cómic tamén cambiaron e, agora, son mulleres. A
mesma opinión comparte Laura, que tamén coincide en que nos últimos anos houbo
un cambio de público tamén no mundo da banda deseñada e agora hai unha ollada
«máis feminina».
E boa
parte deste cambio de tendencias está tamén na visibilización das mulleres,
tanto por parte de editoriais como de librarías e, sobre todo, de premios como
os Castelao e festivais como o Viñetas desde o Atlántico. «Axuda a que se
coñeza o noso traballo», di Laura. As dúas teñen claro que en Galicia hai bo material
e boas historias para facer unha boa banda deseñada.
Temática
histórica, como a utilizada por Laura para recuperar a figura de Inés de
Castro, esa galega raíña póstuma de Portugal. «A banda deseñada é unha grande
oportunidade para dar a coñecer a personaxes históricos do noso país», destaca,
«sobre todo, tamén, para o público infantil e xuvenil, aos que penso que pode
atraer o tema de ver unha raíña de esqueleto, que pode chamar a atención, e a
vez están aprendendo algo».
Sandra, pola súa banda, tira de personaxes femininos da vida cotiá, como a súa Adelina, «unha muller co seu temperamento, que quere fuxir dunha residencia de anciáns».
«O que quero é lanzar reflexións sobre o que sucede o día a día a través do
humor», asegura.
Historias «con honestidade»
De feito,
as dúas creadoras teñen claro que hai que utilizar temáticas interesantes para
enganchar ao público. «Cando ti tes interese na historia que estás a facer,
esta xa flúe», di Laura. «Ao final, é un adestramento, coma o dun ximnasio. Se
ti estás a gusto con que fas e o contas con amor e con honestidade, vas chegar
á xente», apunta Sandra.
Por iso, aconsellan ás novas creadoras que conten historias con corazón e confíen no seu instinto. «Hai que seguir a voz dunha mesma», conclúen.
Sandra
Lodi
Sandra Lodi (Lugo, 1990). Ilustradora, deseñadora e artista plástica. Estudou Belas Artes en Salamanca. Publica na revista Mongolia e no semanario en liña El Estafador, así como noutros xornais. En 2019 foi premiada co segundo premio Curuxa de Humor Gráfico. En 2024 obtivo o Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado coa obra Papóns (Galaxia, 2024) e o Premio Castelao de Banda Deseñada, na categoría xeral, pola obra Adelina.
Laura
Suárez
Laura
Suárez (Dumbría, A Coruña, 1994). Estudou Belas Artes na Universitat
Politècnica de València e cursou un mestrado en cómic e ilustración na escola
Elisava de Barcelona. En 2019 publicou o libro de BD Los cuentos de la niebla
(Dibbuks). É autora do libro ilustrado Monte Pindo. Historias de lendas do
olimpo celta (Galaxia, 2021) e da serie de cómic infantil Monster Support Group
(Flying Eye Books, 2023). En 2024 conseguiu o Premio Castelao de Banda Deseñada
na súa categoría infantil e xuvenil con A raíña cadáver.
Ningún comentario:
Publicar un comentario