28 de xul. de 2025

TUI

A Xunta impulsa en Tui o foro profesional de artesanía e instrumentos musicais ‘Resonancias’ no marco do Festival Música no Claustro 

O mércores 6 de agosto celebrarase a quinta edición desta xornada dedicada aos oficios artesanais vinculados á construción de instrumentos musicais, para a que xa están abertas as inscricións na páxina web da Fundación Artesanía de Galicia 


A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, na presentación da XIX edición do Festival Música no Claustro
Fotos: X.G.


Infogauda / Tui 

  A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, acompañada do director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, participou esta mañá na presentación da XIX edición do Festival Música no Claustro. Este evento, xa consolidado como unha cita de referencia no panorama cultural galego, celebrarase na Catedral de Tui entre os días 1 e 7 de agosto, e contará, por décimo ano consecutivo, co apoio da Xunta de Galicia.

 No marco do festival, a Fundación Artesanía de Galicia e a Xera patrocinan a quinta edición de Resonancias, o foro profesional de artesanía e instrumentos musicais, que terá lugar o mércores 6 de agosto. A participación está limitada a un máximo de 50 persoas, que poden formalizar a súa inscrición a través da páxina web da Fundación Artesanía de Galicia. O custo da matrícula é de 30 euros para o público xeral e de 20 euros para os obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia. 

Programación do festival 

 A programación de Resonancias 25 abrirase cunha conferencia a cargo de Cristina Bordás, profesora emérita da Universidade Complutense de Madrid e figura de referencia no estudo dos instrumentos musicais en España, na que se reivindicará o papel fundamental dos construtores ao longo da historia. Baixo o lema “Identidades”, esta edición afondará na propiedade intelectual e industrial no ámbito da artesanía da man da Oficina Española de Patentes y Marcas, que presentará as novas Indicacións Xeográficas para Produtos Industriais e Artesanais (IGAI), unha iniciativa posta en marcha pola Unión Europea en decembro de 2025. A xornada incluirá tamén unha mesa redonda sobre o vínculo entre arte, artesanía e autoría, na que participarán profesionais vencellados a Artesanía de Galicia: Susana Cabo Buján, propietaria da tenda Porta da Pía artesanía, adherida á marca; o artesán da madeira Aitor; e a artesá xoieira Jose Castro, de Noroeste Obradoiro, ambos titulares de obradoiros inscritos na marca Artesanía de Galicia. 

 Ao longo da xornada, as persoas asistentes terán a oportunidade de coñecer de preto o labor doutros tres obradoiros artesanais especializados na construción de instrumentos musicais. Trátase de Ana Fariña, especializada en violíns e violas; Guillermo Dacal, centrado na reparación de instrumentos de vento madeira e vento metal; e Ricardo Ramos, experto en instrumentos de corda, que afondará no cuatro portorriqueño. Este singular instrumento poderá escoitarse en directo grazas á interpretación musical de Pablo Hernández. 

 En paralelo, o luthier Adrián M. Pereiro presentará Un chelo, catro historias, un proxecto que en 2023 foi beneficiario das bolsas ensaia, unha iniciativa de apoio ao financiamento e desenvolvemento de proxectos sociais centrados na mocidade e no talento local. O instrumento protagonista desta proposta foi elaborado con madeiras galegas procedentes das catro provincias, entre as que se atopan ciprés, chopo, castiñeiro, piñeiro de Oregón, cerdeira, teixo e ameixeira. 

 A programación complétase cunha conversa entre a violinista Raquel Areal, integrante da Filharmónica de Berlín, e a xestora cultural María Casado, coordinadora do programa MUSAE de música nos museos do Ministerio de Cultura. Xuntas reflexionarán sobre as inquedanzas sonoras e as oportunidades que xorden na elección dun violín, afondando na simbiose entre construción, interpretación e repertorio. 

 Como en edicións anteriores, o foro está comisariado polo músico e investigador Samuel Diz, e centrarase na reflexión e na difusión do tecido profesional artesán, en diálogo con outras disciplinas afíns como a interpretación musical, a musicoloxía, a iconografía e a historia da arte, así como a xestión de coleccións museísticas e outras profesións técnicas vencelladas ao sector.

Ningún comentario:

Publicar un comentario