28 de xul. de 2025

AS NEVES

A Deputación asina un convenio co AECT Rio Minho para a redacción do proxecto de execución da ponte peonil internacional As Neves-Monçao 

“Se a máxima deste goberno provincial é tender pontes, o acto que celebramos hoxe é a mellor mostra de que o noso compromiso estase a traducir en realidades”, subliñou o presidente da Deputación Luis López


O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, xunto co director do AECT Rio Minho, José Manuel Vaz Carpinteira; o vereador da Câmara Municipal de Monçao, Agostinho Correia; e o alcalde das Neves, José M. Alfonso, asinaron o convenio para a redacción do proxecto de execución da ponte peonil internacional As Neves-Monçao

Foto: D.PO.


Infogauda / As Neves

 O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, xunto co director do AECT Rio Minho, José Manuel Vaz Carpinteira; o vereador da Câmara Municipal de Monçao, Agostinho Correia; e o alcalde das Neves, José M. Alfonso, asinaron o convenio para a redacción do proxecto de execución da ponte peonil internacional As Neves-Monçao, cun orzamento de preto de 100.000 € dos que o organismo provincial achega o 50%. “Se a máxima deste goberno provincial é tender pontes o acto que celebramos hoxe é a mellor mostra de que o noso compromiso estase a traducir en realidades”, subliñou o mandatario provincial.  

 López asegurou que “tendemos pontes coa sociedade, cos 61 concellos da provincia, coas diferentes institucións e tamén construímos pontes e isto foi o que nos trouxo aquí ata As Neves para asinar un protocolo que vai sentar as bases do que será a ponte peonil entre este concello e Monçao”.  Trátase, tal e como remarcou o presidente, “dun proxecto realista, o primeiro da década que será unha realidade porque, nesta ocasión, se teñen dado pasos en serio e hai vontade, interese e ganas de traballar para que saia adiante”. Deste xeito, tras esta sinatura e cos equipos técnicos traballando xa no expediente de contratación, López manifestou o seu convencemento de que “poderemos camiñar, axiña, entre As Neves e Monçao, atravesando esta ponte”.  

 Para o presidente da Deputación de Pontevedra “o Miño, lonxe de separarnos, ten que servir como punto de unión entre dous pobos historicamente irmandados, cunha cultura, patrimonio e identidade compartida, e como centro de cooperación territorial e de impulso das potencialidades desta eurorrexión”.  Por iso, neste “día histórico”, López reiterou o compromiso do goberno provincial para seguir avanzando na cooperación transfronteiriza e recordou que nos dous primeiros anos de mandato impulsáronse iniciativas por valor de máis de 835.000 euros para estreitar lazos e fomentar a colaboración entre os dous territorios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario