28 de xul. de 2025

A GUARDA

O fotógrado Manuel Álvarez relembra a José Ángel Valente

 No XXV aniversario do pasamento do poeta


Manuel Álvarez, fotógrafo de A Guarda, ao carón dun retrato do poeta José Ángel Valente, da súa autoría
Foto: Infogauda


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Nun tempo no que - probablemente -  continuamos camiñando demasiado á présa, ainda quedan seres especiais que se moven nunha sá lentura. E unha das persoas que transitan pola vida sen apenas facer ruído, é - entre outras - o fotógrafo Manuel Álvarez Álvarez (O Coruto Vello, Salcidos, A Guarda,1954).  

 Álvarez, como lle chamabamos na época escolar, traballou como funcionario internacional do ACNUR, a Axencia da ONU para os Refuxiados con sede en Xenebra. Nesa cidade, ademais do seu labor profesional, colabourou na Sociedade A Nosa Galiza. Esas circunstancias fixeron posible que Manuel Álvarez coñecese, tratase e mantivese unha relación de fraterna amizade con José Ángel Valente Docasar (Ourense, 25 de abril de 1929 - Xenebra, 18 de xullo de 2000), poeta, ensaísta, traductor e avogado, cuxa obra está recollida en máis dunha vintena de libros e publicacións colectáneas. 

 A creación literaria de José Ángel Valente foi recoñecida con varios e destacados galardóns: Premio Adonais (1954), Premio da Crítica (1961), Premio da Crítica (1980), Premio da Fundación Pablo Iglesias (1984), Premio Príncipe de Asturias das Letras (1988), Medalla de Andalucía (1990),​ Premio Nacional de Poesía (España) (1993), Premio Reina Sofía de Poesía Iberoamericana (1998) e Premio Nacional de Poesía (España) (2001, póstumo).

 Desde o pasamento de José Ángel Valente, transcorreron 25 anos. Ese feito non pasou desapercibido para Manuel Álvarez. Por iso, con tempo, o fotógrafo guardés, concibiu, deseñou, artellou e levou a bo termo "Eu nacín en ningures. Ou no nacín", unha mostra - Retratos e secuencia fotográfica -, que sen necesidade de explicitalo, constitúe unha delicada homenaxe ao poeta e ensaísta José Ángel Valente.

  "Eu nacín en ningures. Ou non nacín" pode visitarse - ata o día 2 de agosto - no ESpazo COntraculturaL Aberto (Asociación San Xerome Emiliani), na rúa Concepción Arenal, 25 - baixo (A Guarda).

  No camiñar cotiá de cada un de nós, sempre hai algúns intres - necesarios - para o descanso e mesmo para á reflexión. Achegarse ata "Eu nacín en ningures. Ou non nacín" pode ser un bo xeito de sumarnos a iniciativa de Manuel Álvarez, o que con certeza vainos motivar a coñecer e profundar na altura poética de José Ángel Valente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario