Nace Reviravolta: un mercado sostible e de segunda man no Monte Trega
Chans Novo, A Guarda | 23 de agosto de 2025
Infogauda / A Guarda
O vindeiro 23 de agosto celebrarase no Chans Novo, Monte Trega (A Guarda), a primeira edición de Reviravolta, un evento que combina mercado de segunda man, sostibilidade, cultura e natureza.
Reviravolta propón unha xornada aberta, dende as 10:00 ata as 21:30, con postos de moda vintage, artesanía, libros, vinilos, ferramentas, plantas, xogos e outros tesouros de segunda man, promovendo o consumo consciente e a economía circular.
O evento incluirá ademais:
• Andainas polos sendeiros do Monte e visitas guiadas aos Castros gratuítas.
• Obradoiros creativos para todas as idades.
• Música en directo durante todo o día.
• Recital poético con voces da zona.
• Gastronomía local, bebida e moito ambiente.
O obxectivo de Reviravolta é recuperar o valor do feito a man, do reusado, da creación local, ofrecendo un espazo para que veciñas e veciños poidan participar como mercaderes, mesmo sen experiencia previa.
“Queremos que a xente do pobo se anime a montar o seu posto. Se tes roupa, libros ou cousas feitas por ti, esta é a túa oportunidade. O importante é compartir e darlles unha segunda vida aos obxectos”, explican dende a organización.
A chamada a participación está aberta a particulares da contorna e profesionais ata o 12 de xullo cunha cota de inscripción de 20 €. As persoas interesadas poden incribirse directamente cubrindo o FORMULARIO DE INSCRIPCIÓN ou escribir para recibir mais información ao Instagram de @reviravolta_mercado ou enviar un WhatsApp ao número 650 851 071
Ningún comentario:
Publicar un comentario