29 de xul. de 2025

A GUARDA

Manuel Álvarez Álvarez, fotógrafo e poeta. Autor da mostra José Ángel Valente Eu nacín en ningures. Ou non nacín

«(...) esta exposición pretende honrar no vintecinco cabodano do seu pasamento, tamén dende a calor da amizade, a súa memoria, a herdanza da súa palabra e os seus valores de compromiso fraterno cunha sociedade de progreso, tamén galega e universal (...)»


Manuel Álvarez Álvarez, fotógrafo e poeta, na exposición José Ángel Valente Eu nacín en ningures. Ou non nacín
Foto: Infogauda

Infogauda / A Guarda

 Con ocasión da exposición José Ángel Valente Eu nacín en ningures. Ou non nacín, entrevistamos a Manuel Álvarez Álvarez, autor da mostra actualmente visíbel ata o sábado 2 de agosto, no espazo cultural multiusos San Xerome ESCOLA na rúa Concepción Arenal 25 da Guarda.

Porqué esta exposición sobre José Ángel Valente na Guarda?

- Xosé Ángel Valente finou en Xenebra o 18 de xullo de 2000, data evocadoramente dramática da nosa historia recente e tráxica da Guerra Civil.

 Valente, marcado pola atroz guerra entre irmáns, colaborou sempre en Xenebra coas asociacións emigrantes no 50 Aniversario da Guerra Civil, UHP 1934 Revolución en Asturias, Homenaxe aos Brigadistas Internacionais na Guerra de España...

Como xa afirmado, esta exposición pretende honrar no vintecinco cabodano do seu pasamento, tamén dende a calor da amizade, a súa memoria, a herdanza da súa palabra e os seus valores de compromiso fraterno cunha sociedade de progreso, tamén galega e universal.

 Así mesmo establece unha relación, un sinal subliñado que enlaza coa grandeza do noso compatriota e escritor ourensá, unha das grandes figuras literarias destacadas do pasado século XX. Un escritor comprometido cun deber de compromiso antifascista que enaltece a súa memoria. Acusado, por entender que un dos seus textos contiña un punto de vista ofensivo ao exército, foi sometido a consello de guerra en 1972.

Pódese considerar entón como unha exposición guardesa, dedicada á José Ángel Valente?

 - Hai unha parte nesa intención que subliñas, porque ilustrarse non custa moito; mais esta escolla que se mostra aquí forma parte inicialmente da exposición José Ángel Valente AUGA, PEDRA, LUZ celebrada en novembro 2020 no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, baixo o patrocinio da Deputación de Ourense. Foi comisariada por José Manuel Mouriño, ensaísta, investigador e cineasta do Carballiño.

 Cito unhas reflexións de Mouriño en xullo de 2020 en La Región de Ourense: «Ourense debe abrazar máis a un autor universal como Valente» «Para él, Ourense era Augasquentes. É un xesto poético moi importante. El entende e o tempo deulle a razón, que o fundamental e a orixe da súa cidade son as aguas. Vai ao sustancial. É unha declaración de intencións tremenda que o define como autor. Valente é un autor vital».

Valente é un escritor dun alto valor literario, mais a súa producción está maiormente escrita en castelán.

- Certamente. Pero Valente retoma a creación na súa lingua galega de orixe, despois dunha conferencia no Centro Galego A Nosa Galiza de Xenebra, da que o propio Valente foi membro fundador no ano 1967. Foi no ano 1980 no que se celebrou o Día das Letras Galegas adicado a Afonso X O Sabio e as Cantigas de Santa María.

 Ese contacto cos seus compatriotas foi factor e causa de retomar a escrita literaria en lingua galega. Esa conferencia propiciou a creación das Cántigas de alén nunha primeira edición coordinada e dirixida polo profesor Xesús Alonso Montero en 1981 para Edicións do Castro.

 Existen varias reedicións posteriores aumentadas cos textos en galego ou ilustradas especialmente con gravados do escultor vasco Eduardo Chillida.

 Mediante doazón feita polo poeta galego á Universidade de Santiago de Compostela a Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC (dirixida polo escritor e poeta lugués Claudio Rodríguez Fer) contén seus arquivos e biblioteca persoais.

No que describes, comprendo entón que Valente asumiu e confirmou a súa identidade de galego comprometido cos seus paisanos e traballadores emigrantes...

- En efecto, e reseño uns pasaxes significativos do ensaio Valente e a emigración, de Xoán Anllo que publicamos no Centro Galego A Nosa Galiza de Xenebra no ano 2001 na publicación de homenaxe ao noso insigne compatriota.

 Nel, Xoán Anllo, detalla o compromiso do poeta cos emigrantes ofrecendo poemas inéditos (algúns manuscritos) para a súa publicación na Revista de A Nosa Galiza.

 E tamén «unha anécdota que reflexa as preocupacións sociais e polítícas de Valente: en 1980 un grupo de xornaleiros andaluces que, dirixidos por Paco Casero, naquel entón secretario xeral do Sindicato de Obreiros do Campo de Andalucía, iban a vir a Xenebra en autobús con motivo de que o Rey Juan Carlos iba a falar ese ano na Conferencia Internacional do Traballo e querían así dar un eco internacional ás súas protestas pola situación de grave desempleo existente en Andalucía.

 Comenteillo a Valente que entón aínda traballaba na OMS e éste acudiu frente ao edificio da Cruz Vermella Internacional o día no que os xornaleiros presentáronse coas súas pancartas por donde iba a entrar o Rey no Pazo das Nacións Unidas. Valente falou con eles e logo escribiu un artigo para EL PAÍS no que decía que o Rey debería haber estado ese día con eses xornaleiros e non no cóctel que lle organizaron o entón embaixador de España ante a OIT, Manuel Jiménez de Parga. O periódico non publicou ese artigo e Valente comentoume logo que «había sido a primeira vez que lle habían denegado a publicación dun artigo».

Por último, cal é a razón desta exposición no local San Xerome de Concepción Arenal 25?

- O local de Concepción Arenal é un espazo socio-cultural multiforme, de diversidade, da Asociación San Xerome Emiliani. A unha demanda, xa no pasado 2024, do seu exdirector Xosé Carlos [González] Blanco correspondín coa exposición actual sobre Valente.

 Como detalle biográfico, os seus restos, xunto coas cinzas do seu fillo Antonio, morto dunha sobredose en Xenebra en 1989, repousan no cemiterio ourensán de San Francisco.

Ningún comentario:

Publicar un comentario