9 de xul. de 2025

O ROSAL

A poesía popular das cantareiras enche de vida os campamentos infantís do Rosal  

•  Concello e Deputación levan á cativada e ao público xeral un percorrido polas Letras Galegas con contacontos, música e debuxo da man de Polo Correo do Vento  

 

Imaxe: Cedida

Infogauda / O Rosal 

 O Rosal vibra este verán coa forza das cantareiras. Conscientes do papel fundamental destas mulleres na preservación e transmisión da nosa lingua e cultura, o Concello organiza en colaboración coa Deputación de Pontevedra unha actividade singular que combina contacontos, música e ilustración para achegar á infancia o valor da poesía popular e as Letras Galegas. 

 Baixo o título ‘Cantareiras, poesía popular nas Letras Galegas’, o espectáculo de Polo Correo do Vento percorrerá este venres 11 de xullo, a partir das 11.00 horas, os campamentos infantís do Valinox Novás, da U.D. Ribera, da Agrupación Musical do Rosal e o propio campamento municipal, nunha xornada aberta tamén ao resto do público que queira gozar desta proposta diferente. 

 A actividade busca divulgar de xeito ameno e participativo as biografías das cantareiras homenaxeadas este ano nas Letras Galegas. Para iso, mesturarase a narración oral coa creación dun debuxo mural en directo, ademais da interpretación de pezas tradicionais que cantaban estas mulleres ou que forman parte do repertorio popular do Rosal. 

 Como broche final, nenos, nenas e asistentes poderán participar nun obradoiro de debuxo no que, seguindo as indicacións do ilustrador, elaborarán a caricatura dunha pandeireteira, fortalecendo así o vínculo coa nosa identidade cultural. 

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destaca a importancia desta iniciativa, xa que “queremos que as nosas crianzas medren sentindo o orgullo da nosa lingua, da nosa música e da nosa tradición. Actividades coma esta son unha semente para que as futuras xeracións sigan facendo medrar o amor polo galego e pola nosa cultura”. 

 Deste xeito, O Rosal reafirma o seu compromiso coa promoción da cultura e coa educación en valores de respecto e posta en valor do noso patrimonio inmaterial, levando a poesía popular e a memoria das cantareiras aló onde están as raíces do noso futuro: na infancia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario