O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA CRITICA AO GOBERNO DE TOMIÑO POLA SÚA HIPOCRISÍA POLÍTICA
Ao alardear da débeda cero no Concello
De esq. á der.: Mirta Isabel Misa Misa e Mª Violeta de Santiago Moure, concelleiras do grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Tomiño
Foto: Cedida
Infogauda / Tomiño
As concelleiras Mª Violeta de Santiago Moure e Mirta Isabel Misa Misa, do grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Tomiño veñen de facer pública unha nota na que indican que «no pleno do luns día 14 de xullo, o Concello de Tomiño aprobou unha modificación de créditos cunha partida de 1.046.904,45€ para a amortización da débeda, amortización que é obrigada pola Lei de estabilidade vixente, que di no seu artigo 32.1, que no suposto de que a liquidación orzamentaria sitúese en superávit, este destinarase a reducir endebedamento neto».
As devanditas concelleiras afirman: «A idea do Goberno municipal era presentar esta modificación de créditos sen esa partida para amortizar a débeda do Concello con entidades bancarias, o que acarrexaría, sen dúbida, un reparo de intervención por incumplir as regras fiscais actuáis, xa que logo, as socialistas aconsellan aos nacionalistas que “non saquen peito” por unha iniciativa que é de obrigado cumprimento e na que non cren, pois así o manifestaron en numerosas ocasións decindo que as institucións nunca deberían ter débeda cero, e por iso acusan de hipocrisía e cinismo político a este Goberno.
Por outra banda, califican as demais partidas da modificación de crédito como absolutamente electoralistas».
«Estamos no ecuador do mandato e durante os dous primeiros anos o investimento foi prácticamente nulo, e agora traen unha batería de iniciativas de cara ao ano electoral. O que tanto criticaron do Goberno do PP cando eran oposición están a facelo igual e sen ningún pudor, utilizando os mesmos métodos da dereita para intentar perpetuarse no poder, e rexeitamos partidas como os 55.500 € para saneamento autónomo, que non é outra cousa que unha maquillaxe do desleixo de quen nos goberna co saneamento en Tomiño, e algunha que outra axuda para mellorar pozos negros. Onde quedou a promesa electoral das mini depuradoras unifamiliares que tanto venderon na pasada campaña electoral? No lixo!», manifestan as concelleiras socialistas.
Biblioteca municipal
O grupo municipal socialista voltou preguntar pola apertura da biblioteca, «que - segundo afirman María Violeta de Santiago e Mirta Isabel Misa - xa é unha vergoña municipal», e acusan a alcaldesa «de mentir coa afirmación de que unha bibliotecaria da comarca ía ser a encargada da clasificación dos libros doados pola veciñanza, cando nin dende o goberno dese Concello nin a propia traballadora teñen constancia desa petición, e finalmente é unha empresa afin a que está a realizar ese traballo».
Apertura dun novo prostíbulo
«Tamén nos preocupamos pola apertura dun novo prostíbulo no noso concello, local que carece de licenza de actividade e sobre o que pesan multitude de denuncias policiais pero que inexplicablemente segue aberto, sen ningunha aclaración en sede plenaria por parte deste goberno e consideramos que unha muller que se considera feminista ao fronte do mesmo non faga nada o respecto, manifestando que non quere falar do tema é condeable e vergoñento», declaran as concelleiras socialistas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario