18 de xul. de 2025

A GUARDA

A Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa vai homenaxear ao debuxante e pintor Manuel Ángel Álvarez

 Na XXIX Exfimiño, do 24 ao 27 de xullo, no Salón de Plenos do Concello de A Guarda 

    

Manuel Ángel Álvarez
Foto: Cedida

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda 

 O concello da Guarda colabora na XXIX edición da Exfimiño 2025 que se celebrará do 24 ao 27 de xullo no Salón de Plenos. Para a ocasión presentarase un selo e un cuño postal conmemorativo en honra do artista (debuxante, ilustrador e pintor) guardés Manuel Ángel Álvarez (A Guarda, 15 de febreiro de 1855 - Madrid, 1 de setembro de 1921).

 A Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa inaugurará esta exposición o vindeiro xoves, 24 de xullo, ás 20:00h, sendo o comezo de catro días dedicados á filatelia e ao coleccionismo. 

 A exposición poderá visitarse de 11:00 a 14:00h e de 18:00 a 20:00h.  

 “Estas exposicións realizadas pola Sociedade Filatélica sempre nos mostran a historia, como van cambiando os costumes, as vilas e a sociedade”, destaca o alcalde, Roberto José Álvarez Carrero.   

 Ademais de destacadas coleccións filatélicas de toda Galicia tamén se poderán observar coleccións de moedas, recordatorios de comuñón e chaveiros.  

Manuel Ángel Álvarez

 Manuel Ángel foi o quinto fillo do matrimonio formado por Manuel Ángel Portela e Emilia Álvarez e Alonso. Debido á súa saúde delicada, a súa educación non puido iniciarse ata que cumpriu nove anos, momento no que se encarga da súa formación o seu tío Joaquín Álvarez, un home culto con coñecementos de pintura e influente na política moderada da provincia de Pontevedra. 

 Pertencente a unha familia acomodada, Manuel Ángel iniciouse moi novo na pintura e aos dezaoito anos xa realizara os frescos da igrexa parroquial de santa Mariña do Rosal. En Madrid estudou na Escola Especial de Pintura, Escultura e Gravado, perfeccionando en 1873 a súa aprendizaxe como copista no Museo do Prado, e entre 1873 e 1875 estudou na Academia de San Fernando; nese último ano emigrou á Habana, onde residía un irmán seu. Alí traballou como ilustrador da revista La Ilustración Gallega y Asturiana e iniciouse na paisaxe e os temas históricos, alcanzando un altísimo recoñecemento en especial como retratista; algúns dos seus cadros, como Recluída ou Violación, chegaron a venderse por 1.125 pesetas.

 Foi un activo colaborador da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, habendo realizado varios retratos a membros desa asociación, entre eles a don Manuel Lomba Peña, 1º presidente e co-fundador da S. Pro-Monte, e o filántropo José Manuel Andreini Verde.


Retrato de José Manuel Andreini Verde, debuxado por Manuel Ángel Álvarez

 Pintou o gran salón do Centro Galego da Habana e, despois de pasar por Porto Rico, regresou a España en 1881 con dous proxectos: concorrer á Exposición Nacional dese ano coa súa obra Doña Leonor Téllez, reina de Portugal, prisionera en el convento de Tordesillas e presentar, o ano seguinte, á Exposición do Ministerio de Ultramar a súa obra El Mariscal Pedro Pardo de Cela

 A prensa dedicoulle grandes eloxios e denominouno "O pintor da Historia", título co que foi coñecido posteriormente. Doou á Deputación de Pontevedra o óleo do mariscal a cambio dunha bolsa de 1.000 pesetas para realizar estudos en Madrid e Florencia. E anos despois pediu que estivese presente na Exposición Rexional de Lugo de 1896. Foi a única vez que o cadro saíu do Pazo Provincial de Pontevedra.

 En Madrid tiña o seu estudo na céntrica praza de Santa Catalina de los Donados. Estivo en 1882 na Exposición Artística do Salón do xornal El Globo con Una reclusa e Una chula e participou tamén na Exposición Nacional de 1884 con Coquetería e en 1887 con Un juicio de Dios

 Foi galardoado con mencións honoríficas nas Exposicións Nacionais de 1897 e 1912, e presentou na edición de 1915 os cadros Retrato de la señorita doña Virginia Portilla e os debuxos Ilustraciones. 

 Foi membro da Asociación da Prensa e colaborador gráfico de varios xornais como Nuevo Mundo, El Liberal e La Ilustración Nacional. Tamén traballou como ilustrador para a Editorial Calleja, destacando en especial os seus traballos para El Ingenioso Hidalgo Don Quijote de la Mancha (moi reimpreso) e España y su historia: álbum gráfico de los hechos más notables (1913) entre outros.

 Home de gran cultura, a súa carreira artística non sempre se viu recompensada debido ao seu carácter independente.

 A Deputación de Pontevedra adicoulle a Manuel Ángel Álvarez, unha exposición retrospectiva, que estivo patente no Teatro Principal, de Pontevedra, entre agosto e setembro de 200l. 

 Con anterioridade, o Salón dos Espellos, do inmoble que a Fundación Alonso posúe na rúa Vicente Sobrino, e o Centro Cultural de A Guarda, respectivamente, acolleron sendas mostras de obras do pintor guardés, pertencentes a colección da Deputación de Pontevedra e a familias guardesas.

 Asemade, no Monte Santa Trega, a superficie onde está o Museo Arqueolóxico (MASAT), está adicada a Manuel Ángel Álvarez.

 Que agora, a Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa (S.F. e N. G.) lle adique a Manuel Ángel Álvarez, un selo e un cuño postal conmemorativo, con motivo de CLXX aniversario do nacemento do artista guardés, é un magnífico xeito de manter viva á súa lembranza. Beizóns as persoas integrantes da S.F. e N. G. pola acertada iniciativa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario