1 de xul. de 2025

ECONOMÍA

Novas protestas pola mellora das condicións laborais no sector de elaborados do mar 

 A FGAMT-CIG decidiu hoxe reactivar as mobilizacións despois do período estival para reclamar un convenio colectivo digno 


Asemblea de delegados/as do sector
Foto: CIG

Infogauda / Vigo 

 O persoal do sector de produtos elaborados do mar retomará as protestas por un convenio digno despois do verán. Así o acordou a FGAMT-CIG na xuntanza de delegadas/os celebrada hoxe en Pontevedra para analizar o estado dunhas negociacións que a patronal e CCOO e UGT están a dilatar, até punto de que dende xaneiro só se celebraron tres reunións da mesa. 

 No marco desta estratexia do empresariado e dos sindicatos estatais pactouse recentemente un incremento salarial do 4% para 2025, acordo que a CIG se negou a asinar xa que “negociar un convenio colectivo non pasa só por incrementar o salario para un ano, sen saber nin cando se fará efectivo”. Ademais, central solicitara a creación da terceira paga extra e a suba automática do grupo 2 ao grupo 3, “pero a patronal e os seus cómplices negáronse a falalo”. 

 A ratificación deste acordo supuxo pospoñer até o mes de outubro o inicio da negociación das restantes cuestións do convenio: permisos, xornada, complementos ou incrementos salariais para o resto dos anos de vixencia, e para a CIG constitúa un intento de evitar que a central convocase novas protestas coincidindo coa feira Conxemar en Vigo. 

 Mais na reunión de delegados/as do sector que tivo lugar esta mañá decidiuse retomar as mobilizacións para esixir unha negociación “real” do convenio, de xeito que o 23 de setembro haberá unha asemblea de persoas traballadoras no Porto de Marín e unha posterior concentración diante de Galicia Processing Seafood (GPS), empresa do presidente da patronal. E para o 8 de outubro convocouse unha mobilización diante do IFEVI en Vigo coincidindo coa celebración da feira Conxemar. 

Maioría absoluta no comité de Iberconsa 

 A loita promovida pola CIG para mellorar as condicións laborais no sector de elaborados está a verse reflexada nun cada vez maior apoio das persoas traballadoras nas empresas, até o punto de que dos 10 últimos representantes sindicais escollidos na provincial de Pontevedra, 7 foron para a central sindical.  

 Por exemplo, nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar no centro de traballo de Iberconsa Seafood Processing en Bouzas, a CIG obtivo a maioría absoluta por primeira vez ao sumar 6 delegadas/os dos 9 que conforman o comité (as outras/os 3 foron para a UGT). Este resultado foi posíbel grazas aos 67 votos colleitados entre o persoal de produción, mentres que UGT logrou 8 (1 representantes) e rexistráronse 5 en branco. O sindicato estatal sumou os outros 2 representantes entre o persoal técnico e administrativo con 15 votos e 2 en branco. No proceso participaron 103 das 122 persoas traballadoras con dereito a voto. Nas anteriores eleccións sindicais, no que se escollían 5 representantes, a CIG obtivera 2, fronte a 3 da UGT. 

 Dende a FGAMT-CIG de Vigo agradecen o apoio recibido por parte do cadro de persoal de Iberconsa e consideran que é consecuencia da “actitude coherente” que a central está a amosar no sector “tendo en conta que somos o único sindicato que se está a mobilizar en defensa dunhas condicións laborais dignas”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario