Comeza a xornada continuada no sector da construción da provincia de Pontevedra
• A medida estará vixente dende hoxe 1 de xullo até o vindeiro 31 de agosto
Infogauda / Pontevedra
O persoal da construción da provincia de Pontevedra gozará da xornada continuada durante os meses de verán dende hoxe 1 de xullo até o vindeiro 31 de agosto, unha medida que busca mellorar as condicións laborais nunha época marcada polas altas temperaturas, “pero que tamén responde á necesidade de favorecer a conciliación da vida laboral e persoal nun sector especialmente esixente”, tal e como sinalan dende a Federación da Construción e Madeira (FCM) da CIG de Pontevedra.
Pontevedra é, a día de hoxe, a única provincia galega que conta con esta mellora, recollida no convenio colectivo provincial, froito da mobilización e do traballo constante da CIG, que ostenta a maioría no sector na provincia. A central sindical leva máis dun ano loitando para facer realidade esta xornada continuada, “que supón unha conquista histórica para a clase traballadora da construción”.
Segundo explican dende a central sindical, a xornada continuada non só responde á necesidade de protexer a saúde laboral fronte ao estrés térmico propio do verán, senón tamén á demanda crecente de medidas que favorezan a conciliación da vida laboral e persoal no sector. “Trátase, polo tanto, dunha medida integral de benestar laboral”.
Esta e outras melloras incluídas no convenio provincial son cuestións que a CIG quere levar tamén ao ámbito galego. A central aposta pola creación dun convenio marco galego da construción que permita decidir dende Galiza as condicións laborais do sector, “sen imposicións nin tutelas alleas”.
“Queremos un convenio galego que nos dea capacidade de decisión no noso país, e que non nos veña marcado dende Madrid con imposicións que non responden á realidade do sector aquí. Mentres en Pontevedra conseguimos a xornada continuada no verán, nas outras provincias galegas as persoas traballadoras seguen sen esta medida, porque carecen dun convenio propio ou están atados ao estatal. Esta desigualdade é inadmisíbel e temos que combatela con ferramentas propias”, sosteñen dende a CIG.
A central sindical reafirma o seu compromiso en seguir defendendo un modelo de negociación colectiva que respecte a realidade laboral e social de Galiza, e que garanta avances reais nas condicións de traballo do persoal do sector.
Ningún comentario:
Publicar un comentario