PIRAGÜISMO
Once medallas para os teixugos na 3ª copa galega de promoción de slálom
Informa (fotos / redacción): Rosa Fernández Carrera
Este domingo celebrouse en Monforte de Lemos a terceira Copa Galega de Promoción do Slálom, onde se mediron as forzas os máis pequenos do slálom galego. O Club Deportivo Miño-Teixugos acudiu con trece deportistas que deron mostras da súa gran deportividade e calidade. Algúns deles tiveron dobre participación en caiac, K1, e canoa, C1.
En C1 Infantil Feminino, podio completo para as teixugas, Nerea Álvarez gañou a prova, Leila Álvarez foi segunda, Catalina Sánchez foi terceira e Beatriz Sánchez rematou cuarta.
En C1 Infantil Masculino Lois Montenegro conseguiu a medalla de bronce, e Izan Vicente foi oitavo. En K1 Infantil Feminino, de novo dominio total das teixugas, ouro para Leila Álvarez, prata para Rita Olveira e bronce para Nerea Álvarez. Beatriz Sánchez rematou cuarta, e Catalina Sánchez foi quinta.
En K1 infantil Masculino, Lois Montenegro rematou cuarto, Alejandro Barreiro foi sétimo, Leo Álvarez noveno e Izan Vicente décimo terceiro.
Na categoría Alevín Masculina, Roque Olveira conseguiu dúas medallas de ouro, pois foi o gañador tanto de C1 como de K1. En K1 tamén participou Martín Vicente que acabou a proba en sétimo lugar.
Na categoría Benxamín K1, os dous representantes teixugos, Iria Álvarez e Brais Vicente, gañaron as súas respectivas competicións.
O impresionante balance final para os teixugos foi de once medallas, seis das cales foron ouro. Na clasificación final por equipos o Club Deportivo Miño-Teixugos foi o gañador desta terceira Copa cun total de 247 puntos, compartindo podio co Montaña Quixós de Monforte con 178 puntos e co Penedo-Te Importa de Tui con 127 puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario