A vila de A Guarda luce rúas cheas de cores e adornos, grazas ao traballo das persoas que asistiron a un obradoiro para maiores
• O obradoiro comezou en outubro e rematou no mes de maio
Infogauda / A Guarda
O labor artístico e creativo, das persoas que participaron no obradoiro “Tecendo A Guarda” faise visíbel durante este verán, espallando de cores e adornos mariñeiros algunhas das rúas e prazas máis concorridas da vila de A Guarda.
O taller celebrouse no Club de Xubilados e Pensionistas de A Guarda, desde o mes de outubro de 2024 ata maio de 2025, e contou cunhas 15 persoas participantes, que traballaron desde outubro para crear estes adornos coa utilización de diversas técnicas.
O programa, que organiza o Concello de A Guarda, ten varios obxectivos: a dinamización do ocio;,unha maior socialización das persoas participantes; e que estas se sintan partícipes da vida comunitaria.
“Xa se está volvendo costume ver así de decoradas as nosas rúas e prazas, pero non hai que esquecer o traballo e a dedicacións destas persoas que deciden investir o seu tempo libre para a beleza da nosa vila”, recorda o alcalde, Roberto José Álvarez Carrero.
O proxecto ademais pretende dinamizar a vida na rúa, pois converte as prazas e rúas en lugares máis atractivos e estéticos. Os motivos dos adornos xiran en torno ao mar e a vida mariñeira, predominando os peixes, estrelas de mar, a cor azul, e tamén aparellos, como os ganapans.
Xa se pode ver parte do seu traballo pola praza de Avelino Vicente, e nas rúas Concepción Arenal e Vicente Sobrino.
“Moitas grazas a todas as persoas participantes por contribuír a embelecer a nosa vila este verán”, recoñece o alcalde de A Guarda.
Ningún comentario:
Publicar un comentario