A Guarda Diversa trae actividades para que persoas de todas as idades celebren a diversidade LGTBIQA
• A convivencia celebrarase o sábado, día 28 de xuño, desde ás 19:30h, nos xardíns do Centro Cultural e haberá actividades para pequenos e maiores
Infogauda / A Guarda
Con motivo do Orgullo LGBTIQA+, o sábado, día 28 de xuño do 2025, desde ás 19:30h, nos xardíns do Centro Cultural, celebrarase unha convivencia aberta a toda a cidadanía.
Ese evento constituirá un espazo seguro para as persoas do colectivo, onde as súas identidades, orientacións do desexo e expresións de xénero non só non han de ser cuestionadas, senón que serán celebradas. Por outra banda, tamén achegará ás demais persoas, unha pequena mostra das realidades diversas nun ambiente ameno e lúdico, á par que informativo.
Realizarase unha merenda, diversos xogos e dinámicas abertas para tódalas persoas participantes. Ademais, haberá unha parte educativa, con carteis sobre a historia do Orgullo e os retos que enfronta o colectivo a día de hoxe.
Tamén serán acollidas ás crianzas, pois haberá actividades pensadas para elas, espazos de diversión e experimentación, como xogos e espazos de expresión artística. Para rematar haberá unha actuación da DJ Tonita.
O alcalde, Roberto José Álvarez Carrero, cree que “segue a ser moi importante levar a cabo accións de visibilización e sensibilización para rematar coas discriminacións e para poder gozar dunha vila diversa”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario