PP DE TUI CRITICA UNHAS CONTAS “FEITAS A MEDIDA DO PSOE” E DENUNCIA A FALTA DE DIÁLOGO DUN PSOE QUE “GOBERNA DE COSTAS Á CIDADANÍA”
Os populares acusan ao alcalde de presentar uns orzamentos sen consensuar absolutamente nada cos grupos da oposición, malia gobernar en minoría.
A intervención do concelleiro Lino Cendón puxo en evidencia a falta de diálogo, a improvisación xeral e unha planificación financeira que obriga a rexeitar unhas contas sen proxecto e sen rumbo.
O pleno extraordinario demostrou que o PSOE prefire manter o control antes que buscar acordos, convertendo a política municipal nun espectáculo que resta credibilidade á institución.
Infogauda / Tui
O pleno municipal de Tui vén de rexeitar o proxecto de Orzamentos 2025 presentado polo goberno local cos 11 votos -dun total de 17- de todos os grupos da oposición, polo que o PP tudense lamentou a “soidade e falla de diálogo” do Partido Socialista, que está a reiterar todos os seus erros e o rumbo errático neste segundo ano de mandato “e que goberna, cada vez máis, de costas á cidadanía”.
O grupo municipal do Partido Popular de Tui denunciou, trala celebración do pleno extraordinario de onte, a “irresponsabilidade e soberbia” do goberno socialista ao presentar uns orzamentos sen acordar nin unha soa liña con ningún grupo da oposición, malia estar en clara minoría. Os populares manifestan que o rexeitamento do documento económico é un “novo varapau” para o alcalde Enrique Cabaleiro, e tildou de “inadmisible perda de tempo dun executivo feble” que se leven as contas ao seu debate e aprobación plenaria sen falar e negociar absolutamente nada con ningún dos tres grupos da oposición.
“Convocaron un pleno sen negociar nada con ninguén. É unha burla institucional e unha mostra do seu illamento político. Este orzamento non é o de Tui, é só o orzamento do PSOE”, sinalou o voceiro do PP, Nico Montes.
Durante a súa intervención, o Partido Popular puxo de manifesto que estes orzamentos chegan outra vez tarde –xa pasada a metade do ano–, e sen garantías de execución real. O goberno municipal usa as contas como un simple trámite para encaixar facturas pendentes, e non como unha ferramenta de mellora da cidade.
“O PSOE actúa como se tivese maioría absoluta, pero a realidade é que está cada vez máis só e máis afastado da cidadanía. Gobernan co rodete da propaganda, pero sen capacidade de xestión e sen vontade de diálogo”, conclúe Montes.
Ademais, denunciou a brutal suba de impostos aplicada polo executivo local: o IBI incrementouse un 20% e a taxa do lixo disparouse entre un 300% e un 500% en zonas rurais, afogando aos veciños e negocios locais. "É un esforzo fiscal sen retorno, porque os servizos seguen sen mellorar", afirmou.
O PP tamén advertiu da baixa execución e da escasa ambición inversora: só o 3,7% do orzamento está destinado a investimentos reais, o que supón unha cifra ridícula e sen impacto real no territorio. Tampouco hai proxectos claros para as parroquias nin solucións para problemas históricos como o aparcamento ou o urbanismo.
O PP de Tui reitera o seu voto en contra duns orzamentos impostos sen diálogo, sen planificación estratéxica e alleos ás prioridades reais da veciñanza. "Advertimos que seguiremos exercendo unha oposición firme, fiscalizando cada decisión do executivo local e esixindo seriedade, transparencia e unha xestión eficiente centrada no interese xeral", afirmou Nico Montes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario