O Concello de Tomiño intensifica a vixilancia ambiental e detecta novas verteduras nas explotacións agrarias
• O Concello traslada os expedientes á Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, que é a Administración con competencias na materia
• A alcaldesa insiste na necesidade dunha resposta coordinada da Xunta e da FEGAMP
Infogauda / Tomiño
O Concello de Tomiño segue reforzando o seu compromiso coa protección do medio ambiente e a boa convivencia entre o agro e a veciñanza mediante un seguimento exhaustivo das actividades agrícolas e gandeiras dentro do municipio. A este respecto, o departamento de Medio Ambiente vén de identificar nos últimos días varias verteduras en fincas e plantacións que afectan a zonas próximas a zonas habitadas.
Unha vez detectadas estas incidencias, o Concello actuou con dilixencia e trasladou inmediatamente a información á Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, que é a autoridade competente para investigar e sancionar, no caso de detectar incumprimentos da normativa, este tipo de prácticas. Polo momento, foron remitidos dous casos concretos, documentados con probas recollidas polos servizos municipais.
O goberno local subliña que este problema non é nin novo nin exclusivo de Tomiño. De feito, a alcaldesa Sandra González solicitou diversas reunións, tanto á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) como as consellerías competentes da Xunta de Galicia, para establecer canles de colaboración entre os concellos e reclamar unha resposta coordinada e eficaz. “Levamos anos alertando desta situación, e aínda non vimos ningunha actuación decisiva da Xunta. Non podemos permitir que o abandono institucional siga prexudicando á veciñanza ou ao medio natural do que depende a nosa calidade de vida”, afirmou González.
Ademais do seu labor de seguimento, o Concello de Tomiño reforzou a súa colaboración co Grupo de Investigación en Bioloxía Ambiental da Universidade de Vigo, que xa realizara un estudo diagnóstico sobre os efectos destas prácticas agrarias na saúde ambiental do municipio. Este grupo participará agora coa asistencia técnica á Mesa de traballo pola convivencia entre agro e veciñanza, que impulsou o municipio para implantar medidas de prevención e control, aínda que se subliña que a solución definitiva esixe o exercicio das competencias autonómicas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario