26 de maio de 2025

O ROSAL

O Rosal consolida con éxito o seu mercado de segunda man Rula Roupa  

•  A praza do Calvario converteuse nun fervedoiro de xente nunha xornada arredor da economía circular e o lecer para toda a familia  

 

A segunda edición deste mercado de roupa e complementos de segunda man foi un auténtico éxito de participación
Foto: C.O. R.

Infogauda / O Rosal 

 Nun mundo onde a industria téxtil é unha das máis contaminantes, O Rosal dálle a volta á etiqueta e consolida o seu Rula Roupa como un referente de innovación e compromiso ambiental. A segunda edición deste mercado de roupa e complementos de segunda man foi un auténtico éxito de participación, convertendo a praza do Calvario nun fervedoiro de xente nunha xornada que combinou sustentabilidade, gastronomía e diversión para toda a familia. 

 Durante toda a xornada, o público ateigou a praza non só para desfrutar dos 22 postos de produtos de segunda man, senón tamén para participar nas múltiples actividades organizadas arredor do mercado: dende a sesión vermú con No All Kansas, ata o obradoiro de monicreques con calcetíns e o espectáculo infantil de Tarabela Creativa, que fixeron as delicias da cativada. 

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou a importancia deste tipo de iniciativas para o futuro do municipio. “Con Rula Roupa Rosal estamos creando algo máis que un mercado, estamos fomentando a cultura da reutilización, o consumo responsable e o encontro entre xeracións”, destacou a rexedora, que agradeceu o seu gran traballo a todas as persoas e entidades que fixeron posible a xornada. 

 Pola súa banda, o concelleiro de Comercio, Alejandro González, subliñou o valor engadido deste evento, “un día para desfrutar e reflexionar. Conseguimos que a moda sostible e a economía circular sexa atractiva, dinámica e aberta a todos os públicos. O Rosal segue a apostar por un modelo de comercio con conciencia”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario