19 de maio de 2025

O ROSAL

Rula Roupa Rosal converte o aburrimento en maxia da man de Tarabela Creativa  

 O mercado de moda de segunda man do Concello engade ao seu programa o espectáculo familiar ‘A Tarabela Ambulante’  

 O domingo 25, ás 18.00 horas, na praza do Calvario, de balde    




Infogauda / O Rosal 

 Que pasaría se deixásemos entrar ao aburrimento? A resposta vén da man de Tarabela Creativa, que chega a Rula Roupa Rosal cunha proposta escénica para público familiar que transforma a falta de estímulos en pura fantasía. Será este domingo 25 de maio ás 18.00 horas na praza do Calvario, de balde, dentro da programación do mercado de moda e complementos de segunda man organizado polo Concello rosaleiro, que chega á súa segunda edición coas mesmas previsións de éxito que o ano pasado. 


‘A Tarabela Ambulante’

 O espectáculo ‘A Tarabela Ambulante’, enmarcado no programa +Escénicas da Deputación de Pontevedra, traslada ao público a historia de Mariña, unha nena que, grazas ao aburrimento, descobre a súa imaxinación e convértese en idea. A través do xogo, os xoguetes sinxelos e a creatividade, Mariña enfróntase a dragóns, toca o violoncello e viaxa por un universo fantástico onde todo é posible. 

 Como explica o concelleiro de Comercio, Alejandro González, Rula Roupa Rosal é unha aposta polo consumo consciente e a reutilización, pero tamén pola cultura e a vida en común nos espazos públicos. Este tipo de espectáculos son unha oportunidade para gozar do tempo compartido en familia e para lembrar que, ás veces, o aburrimento é o mellor punto de partida para soñar”. 

 A peza mestura teatro, música, efectos sonoros e xoguetes xigantes nunha posta en escena visualmente poderosa e con fondo educativo. A mensaxe é clara: o aburrimento non é un problema, é un dereito e unha oportunidade para que a infancia desenvolva a súa creatividade e autoestima. 

 Con esta actividade, Rula Roupa Rosal reforza o seu carácter social, familiar e participativo, ofrecendo non só un espazo para mercar moda de segunda man, senón tamén para vivir experiencias que coidan do planeta e das persoas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario