12 de maio de 2025

DEPORTES

ATLETISMO

Tres medallas (ouro, prata e bronce), catro marcas persoais e grandes resultados 

 A cargo de Sergio Silva (ouro), Marco de la Fuente (prata) e Alba Vasconcellos (bronce), ademais do destacado cuarto posto de Xoel Pérez, no Provincial Infantil XOGADE de Atletismo 


Sergio Silva Souto - no centro - e Marco de la Fuente Maculewicz - a esq. - no podio dos 1.000 metros lisos


 Alba Vasconcellos Rodríguez - a der. - no podio dos 1.000 metros lisos

Redacción Deportes / A Guarda

 O pasado sábado 10 de maio pola mañá, as pistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra, acolleron unha nova edición do Provincial Infantil XOGADE de Atletismo en Pista, onde cinco atletas representaron con orgullo ao club Sociedade Atlética do Trega.  

 O equipo, formado por catro mozos nados en Tomiño e unha atleta de A Guarda, asinou unha brillante actuación cun balance de tres medallas (ouro, prata e bronce); un cuarto posto, debido a que rozou o podio en lonxitude; unha quinta posición en substitucións; e un total de catro marcas persoais.  

 Sergio Silva Souto (Tomiño) proclamouse campión provincial nos 1.000 metros lisos, cun tempo excelente de 2’58’’30.  

 Marco de la Fuente Maculewicz (Tomiño) logrou o subcampeonato na mesma proba, asinando a súa mellor marca persoal cun crono de 3’01’’61.  

 Alba Vasconcellos Rodríguez (A Guarda) colgouse o bronce nos 1.000 metros lisos, parando o reloxo en 3’12’’90, tamén con marca persoal.  

 Xoel Pérez Montero (Tomiño) quedou moi preto do podio en salto de lonxitude, alcanzando a cuarta posición con 4,03 m, a súa mellor marca persoal ata a data.  

 Na proba de substitución 4x80 metros, o equipo formado por Sergio, Marco, Xoel e Alba alcanzou unha quinta praza cun tempo de 45’’92, deixando claro o bo traballo conxunto.  

 Moncho Carreiro Pérez (Tomiño) completou unha sólida actuación nos 1.000 metros lisos, logrando a décima posición cun crono de 3’30’’52 e tamén logrando a súa marca persoal.  

 Desde o club Sociedade Atlética do Trega felicitan a todos e todas polo seu compromiso, entrega e actitude. “Mais aló dos resultados, emociónanos ver como gozan, crecen e compiten con humildade e paixón polo deporte, afirman desde á devandita entidade deportiva.  

 Parabéns a este gran equipo! Seguimos sumando.

Ningún comentario:

Publicar un comentario