Festa das letras en honra ás cantareiras, transmisoras da nosa lingua
• Relatorios, foliada, xogos de mesa, música rock e xincanas, conforman a proposta do Concello de A Guarda para espallar o patrimonio oral e musical nesta edición das Letras Galegas
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Das nosas nais e avoas aprendemos a facultade da fala. Un patrimonio común que nos identifica como comunidade. Falar galego - a nosa lingua natural - é o mellor patrimonio que nosos maiores puideron legarnos.
Ainda así, a realidade dínos que queda moito labor didáctico por levar a bo termo. Non soio no seo das familias - que tamén -, senón nalgunhas institucións que contan cunha existencia de máis de dous milenios, e que poden - e deberían - facer máis pola normalización da nosa lingua de nacenza. Decímolo non como pretensión de impoñer, senón como suxestión, porque cremos na súa viabilidade cotiá.
Nalgúns casos concretos - moitos menos dos que nos gustaría - xa hai exemplos de coherencia, entre o que somos e como nos pronunciamos. Sería moi fermoso e motivador, que crecese o número de falantes na língua de noso.
Feito ese preámbulo, queremos indicar que o Concello de A Guarda propón nestas Letras Galegas 2025 unha festa en torno á lingua, con diferentes manifestacións culturais dirixidas a diversos públicos.
A Festa das Letras comezará xa o xoves 15 de maio, ás 18:30h, na biblioteca municipal de A Guarda, cun contacontos moi especial para os máis pequenos. “Xuntos ata a Lúa e más alá” transportaranos a historias de traballo en equipo, compañeirismo e escola. Todo o mundo está invitado a esta viaxe ata a Lúa.
A celebración seguirá o día 16 de maio, ás 20:30h, na Casa dos Alonso, cunha homenaxe ás cantareiras, personaxes a quen se lle dedica as Letras Galegas 2025. Laura Guisantes, guardesa integrante de varios grupos folclóricos, relembrará a importancia e a historia das pandereteiras e cantareiras, para explicar a homenaxe deste ano ás pandereteiras de Mens. O acto contará coa actuación das pandereteiras de Vento Mareiro e Do Lusco ó Fusco.
O sábado 17 de maio, Día das Letras Galegas, a música e o xogo marcarán a xornada para celebrar a lingua galega. Pola mañá, de 11:30 a 13:30h, a praza do Reló converterase nun espazo de xogos de mesa en galego, para desfrutar en familia. Ademais, a partir das 12:30h, contaremos co acompañamento musical de Pauliña.
Pola tarde, celebrarase unha xincana moi especial titulada “En busca das letras perdidas”, para rematar a xornada coa foliada das Letras Galegas ás 19:00h. Esta foliada contará con grupos de baile e de música tradicional: A Boalleira, Vento Mareiro, Grupo de Gaitas do Club de Pensionistas e Xubilados de A Guarda, e Do Lusco ó Fusco.
O alcalde de A Guarda resalta o obxectivo das diferentes actividades, “ao final o que se está a facer é levar a lingua galega a diferentes ámbitos como a música, literatura, xogos,..., e a todas as idades, desde os máis pequenos da casa, ata os máis maiores. Deste xeito perseguimos a finalidade do día das Letras Galegas que é demostrar que a lingua é para todos e para todos os días”.




Ningún comentario:
Publicar un comentario