ATLETISMO
Álex Sierpes Pereira, campión de España de 5.000 metros lisos ao aire libre
• Co Vicky Foods Athletics
Redacción Deportes / A Guarda
O atleta Álex Sierpes Pereira vén de proclamarse campión de España dos 5.000 metros lisos ao aire libre, lucindo as cores do Vicky Foods Athletics (Menorca).
Esta pasada fin de semana, o equipo da familia Sierpes, de A Guarda, desprazouse ata o arquipélago balear para representar ao equipo dirixido por Isaac Viciosa, no Campionato de España de 10.000 metros absoluto e Sub23, e de 5.000 metros para as categorías Sub20 e Sub18. Un evento organizado pola Real Federación Española de Atletismo (RFEA) co patrocinio do Consell Balear, que tivo un carácter especial ao ser a primeira vez que este campionato celebrábase nas Illas Baleares.
Álex participou na proba masculina de 5.000 metros Sub18, que comezou cun ritmo lento e especulativo, onde os seus rivais deixaron claro desde o inicio que non querían asumir a responsabilidade de tirar do grupo. Vendo esta situación, Álex soubo que a carreira non se resolvería como noutras ocasións, e que debía reformular a súa estratexia.
A competición mantívose compacta, con varios cambios de ritmo intermitentes, ata que chegaron as dúas últimas voltas e media, momento en que comezaron os movementos máis agresivos. O noso campión aplicou unha marcaxe férrea, sen permitir escapadas, obrigando aos seus rivais para competir baixo presión.
Nos últimos 1.000 metros, a carreira rompeu completamente cun ritmo vertixinoso, por baixo de 2’40’’/km, e foi entón cando Álex lanzou o ataque definitivo a falta de 300 metros, deixando atrás aos seus rivais e cruzando a meta en solitario, cun tempo de 15’20’’19.
Dese xeito, Álex Sierpes Pereira, en categoría Sub18, abriu a tempada de pista ao aire libre de 2025 nas instalacións de Mahón, e tras unha carreira táctica que dominou en todo momento, a pesar das difíciles condicións marcadas polo forte vento, o puro sangue do Baixo Miño regresou á súa vila natal coa medalla de ouro, sumando un novo título nacional á súa brillante traxectoria e ampliando a súa colección de medallas estatais.
Acompañáronlle no podio: Pere Max Ferrús (Cataluña) que fixo un tempo de 15’20’’65 e Enrique Marín Gimeno (CAVA Ontinyent – Stocklogistic), que parou o crono en 15’22’’50.
Parabéns, Álex Sierpes!
O equipo da familia Sierpes expresa seus agradecementos especiais a Sociedade Atlética do Trega, pola súa formación; a Vicky Foods Athletics, o seu actual equipo; a HOKA, patrocinador deportivo; ao Concello de Tomiño e ao Concello de A Guarda; e a DistelGroup – Grupo LedVigo S.L.
Ningún comentario:
Publicar un comentario