2 de abr. de 2025

TOMIÑO

Viaxe a París – IES Antón Alonso Ríos-Tomiño 

Do 17/03/2025 ó 21/03/2025   

O alumnado de francés do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño completa a súa formación cunha viaxe didáctica a París. 49 alumnas e alumnos de francés do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño, acompañados de 3 profesores, completaron a formación recibida nas aulas cunha viaxe de estudos a París. Tiveron a oportunidade de descubrir por eles mesmos os lugares máis representativos da capital francesa. Visitaron o museo do Louvre, Notre Dame, o museo de arte moderna e contemporánea G. Pompidou, pasearon polos Campos Elíseos e percorreron o Barrio Latino, Montmartre, e mesmo subiron á Torre Eiffel e fixeron un cruceiro polo río Sena. Desfrutaron dunha semana en contacto directo coa cultura e a sociedade francesas o que, sen dúbida, contribuirá a súa formación integral. 


Alumnado de francés, e docentes do IES Antón Alonso Ríos, diante da catedral de Notre Dame


María del Mar Cobeta Melchor* / Tomiño

 Na mañá do luns 17 de marzo, as alumnas e os alumnos de francés do IES Antón Alonso Ríos saían ilusionados de Tomiño cara a unha intensa e productiva viaxe a París. Esta actividade didáctica, organizada polo Departamento de Francés e dirixida ao alumnado de 3º ESO, 4º ESO e 1º de Bacharelato, ten como obxectivo fundamental potenciar a aprendizaxe activa da lingua francesa, desenvolver os contidos comunicativos e socioculturais que se traballan na aula e contribuír á formación integral do alumnado participante.  

 Con moito entusiasmo prepararon e gravaron os arquivos multimedia coas presentacións das visitas que ían realizar para poder facer de guías dos seus propios compañeiros. Traballaron intensamente durante todo o curso para conseguir fondos para a actividade. A comunidade educativa e o Concello de Tomiño contribuíron a facer realidade esta experiencia inesquecible implicándose activamente en todas as actividades que o Departamento de Francés organizou para recadar fondos: a venda de polvoróns e doces navideños, a festa das filloas e a venda de rifas, entre outras. Recibiron tamén o apoio da Concellaría de Educación e Cultura, do Concello de Tomiño quen subvencionou o aluguer dun bus privado que os trasladou do Concello de París á torre Eiffel.  


Alumnado de francés, e docentes do IES Antón Alonso Ríos, diante da Torre Eiffel



 Para moitos dos participantes foi a súa primeira experiencia internacional e, como non podía ser doutro xeito, quedaron cautivados para sempre pola maxia da cidade. Na súa visita puideron descubrir as razóns polas que París coñécese como a Cidade da Luz ou comprender o papel no desenvolvemento da democracia dalgúns edificios emblemáticos da capital francesa ou situar o berce do Impresionismo e da bohemia parisina. Estas foron algunhas das leccións aprendidas polo alumnado de francés do IES Antón Alonso Ríos.   


Diante da Basílica do Sagrado Corazón (Sacré Coeur)
Desfrutando no cruceiro polo río Sena, nun dos Bateaux Mouches

 

 Integráronse no animado e bullicioso Barrio Latino, visitaron a Universidade da Sorbona, o Panteón e os xardíns de Luxemburgo. Sorprendeulles a peculiar arquitectura do Museo de Arte Moderno e Contemporáneo de París, o centro Georges Pompidou. Tiveron ocasión de participar no animado ambiente do barrio de Beaubourg. Percorreron os Campos Elíseos dende o Arco de Triunfo ata a praza da Concordia, antiga Praza da Revolución, a segunda máis grande de Francia, onde se instalou a guillotina e decapitaron a Luis XVI e María Antonieta. Subiron á torre Eiffel e disfrutaron dunha marabillosa vista de todo París. No museo do Louvre foron capaces de atopar nun tempo récord tódalas obras recollidas nos seus arquivos multimedia.  

 Unha das actividades coa que máis desfrutaron foi o cruceiro polo río Sena. Con todos os edificios máis emblemáticos de París baixo un sol radiante quedaron namorados para sempre da cidade. 

 Estiveron tamén en Disneyland París. Visitaron os dous parques durante unha xornada completa e puideron presenciar os espectáculos nocturnos e os famosos fogos artificiais do emblemático parque de atraccións.  

 Aínda que foi unha semana moi intensa, conseguiron achegarse ao máis representativo da cidade e tiveron a sorte de desfrutar dun París “a estrear”, totalmente renovado grazas obras de restauración previas aos recentes Xogos Olímpicos. 

 Mover un grupo tan numeroso é unha tarefa moi complicada se non se conta coa colaboración e o compromiso de todos os participantes, profesorado e alumnado. A profesora Isabel Fernández Fernández, do Departamento de Física e Química; a profesora Rocío Veiga Villar, do Departamento de Tecnoloxía; e o profesor Óscar Saborido Fins, do Departamento de Tecnoloxía, acompañaron ao alumnado nesta aventura parisina.   

* Xefa do Departamento de Francés IES Antón Alonso Ríos - Tomiño 

Ningún comentario:

Publicar un comentario