BALONMÁN
Jesús López encabeza a Xunta Xestora provisional do Atlético Guardés ata novembro
• O expresidente volve liderar a Xunta Xestora provisional do Club, composta doutras catro persoas entre as que hai caras novas e outros antigos directivos, e sumando ademais o traballo de numerosos colaboradores
• A idea de López é dirixir o día a día da entidade ata novembro, cando convocará novas eleccións á presidencia
Redacción Deportes/A Guarda
O Club Balonmán Atlético Guardés busca volver a canalizar a súa actividade organizativa. Jesús López González, o seu expresidente, formou unha Xunta Xestora provisional xunto con outras catro persoas para dirixir a entidade ata o vindeiro mes de novembro, cando espera convocar eleccións para a formación dunha nova Xunta Directiva definitiva.
A López, novo presidente desta forma de goberno cautelar, acompáñano as antigas directivas Patricia Vicente Baz, que asume agora a vicepresidencia, e Olga María Sobrino Fernández, quen continúa como secretaria; xunto coas novas incorporacións de Gema Rodríguez Pacheco como tesoureira e María Beatriz Rodríguez Pacheco como vogal. Trátase dunha Xunta Xestora formada por cinco persoas que, tal e como rezan os estatutos da entidade, articulouse trala disolución da Xunta Directiva para dirixir ao Club de xeito provisional e ata que se dean as condicións para convocar unha Asemblea Xeral Extraordinaria para abrir un novo proceso electoral.
Ese paso, previsiblemente, chegará no mes de novembro, máis avanzada a tempada deportiva e coa esperanza de obter novos ingresos e fontes de financiación tras un primeiro trimestre. Nese momento a idea de Jesús López é buscar novas candidaturas para a presidencia, formando unha nova Xunta Directiva ampla, estable e duradeira. Ata entón, os cinco xestores actuais contan ademais con numerosos colaboradores que quixeron seguir a apoiar as necesidades organizativas do Club sen asumir formalmente ningún cargo de responsabilidade.
A noticia chega unha semana despois da xuntanza informativa coa afección do equipo baixomiñoto, na que se detallou a situación económica actual e se despexaron tódalas dúbidas sobre a continuidade do proxecto para o ano actual. O Atlético Guardés prosegue agora o seu traballo diario habitual para sacar adiante a tempada 2026/2027, cuxos equipos se presentarán oficialmente este xoves, 20 de agosto no pavillón da Sangriña (21.00 horas).

Ningún comentario:
Publicar un comentario