A FONTE-LAVADOIRO DA RIBEIRA: TODO UN RECRAMO
Infogauda / A Guarda
Varias persoas de A Guarda expresáronnos o seu malestar polo estado que presenta a fonte-lavadoiro da Ribeira. Algunha mesmo enviou ao correo electrónico (infogauda@yahoo.es) deste xornal dixital transfronteirizo, varias fotografías tiradas na tarde de onte.
Non hai dúbida que a fonte-lavadoiro da Ribeira xa coñeceu mellores días, por decilo dun xeito que procuramos non sexa acre. Máis a realidade é a que é, e coidamos que debemos facela visible para que, por parte de quen corresponda, se den as instruccións oportunas para correxir esa situación.
Por certo, que o aspecto que amosan os pilóns do lavadoiro, din claramente que iso non se produciu de onte para hoxe. Iso é - sobra o reiterado "presuntamente" - froito de varias semanas de abandono. De falla de limpeza periódica. E así o verdello foi medrando ata presentar un estado que soio unha persoa invidente non pode percibir. As demais, sen distinción, teñen ben á vista un exemplo da inacción municipal.
Todo iso non acontecería, estamos ben seguros, se unha prezada persoa veciña, cuxa identidade cónstanos, puidese interesarse persoalmente como viña facendo ao longo dos anos. De saber o estado no que se atopa a fonte-lavadoiro da Ribeira, a esa persoa faltaríalle tempo pra acudir a Casa do Concello, falar co alcalde, e solicitarlle que envíe medios humanos e materiais para poñer en estado óptimo de revista esa fonte-lavadoiro. Un ben patrimonial municipal, que malia varias incidencias de diversa índole - entre elas á reducción da súa superficie - resiste o paso do tempo e como vemos, tamén o desinterés que acreditan algúns cargos públicos, retribuídos con cargo ao erario municipal. É decir, de todos os veciños, en xeral.
Fotógrafo: Ramón Buch y Buet
Uns apuntamentos finais. Esa fonte-lavadoiro, é un conxunto de planta rectangular, que conta con dous pilóns, construídos con lousas corridas de dúas beiras. Ditos pilóns reciben auga de tres canos. O lavadoiro está dotado dunha cuberta de madeira, e tellado a dúas augas, sostida por seis piares de granito incorporados no ano 2005, cando foi restaurado por alumnos-traballadores do obradoiro de emprego do Concello de A Guarda.
Ese ben patrimonial, situado a carón da rúa do Porto (coordenadas: - Latitude: 41.8995959162 Lonxitude: -8.87359499931), non figura - segundo as fontes consultadas pola Redacción de Infogauda - como ben inventariado pola Xunta de Galicia. Pero ese é outro asunto, que tamén debera correxirse.




Ningún comentario:
Publicar un comentario