A XUNTA DE GALICIA FINANCIA CON MÁIS DE 485.000 EUROS O INVESTIMENTO EN TECNOLOXÍAS FORESTAIS DE TRES EMPRESAS DO BAIXO MIÑO
• Estas axudas beneficiaron a oito empresas da área territorial de Pontevedra, por valor de máis de 900.000 euros
• O delegado territorial visitou Excavaciones y Desbroces Núñez, que investiu a axuda da Xunta nunha nova procesadora forestal de cadeas
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións da empresa Excavaciones y Desbroces Núñez, no concello de Oia
Foto: X.G.
Infogauda / Oia
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións da empresa Excavaciones y Desbroces Núñez, no concello de Oia, que foi unha das beneficiarias das axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais da Xunta.
Esta empresa con sede en Tui, pero que conta cun centro de traballo no concello de Oia, recibiu unha achega de máis de preto de 140.000 euros que lle permitiu investir na mellora do seu equipo forestal. En concreto, Excavaciones y Desbroces Núñez adquiriu unha nova procesadora forestal de cadeas, que aumentará a produtividade dos seus centros de produción.
Cabe destacar que estas axudas beneficiaron a nove empresas na área territorial de Pontevedra, por valor de máis de 900.000 euros. No caso da comarca do Baixo Miño, son tres as empresas que recibiron unha axuda por medio desta liña de subvencións por un valor total de 485.000 euros.
O delegado territorial destacou a importancia do sector forestal en Galicia e, moi especialmente, no sur da provincia de Pontevedra: “un sector que conta cunha gran tradición nesta zona e que da emprego a centos de persoas”. Neste sentido, Reguera asegurou que a Xunta continuará a “apoiar ás empresas que queiran mellorar os seus procesos para, entre todos, conseguir un sector forestal galego máis competitivo, moderno e sustentable”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario