O Concello de Tomiño pide explicacións polo acceso non autorizado do alcalde da Guarda ao Campo Municipal do Alivio
• O rexedor guardés entrou nas instalacións municipais acompañado de concelleiros da oposición do PP para facerse unha foto e sacar unha nota de prensa
• O Concello de Tomiño lamenta a difusión de datos erróneos e a desinformación xerada sobre un proxecto municipal
Infogauda / Tomiño
O equipo de goberno municipal do Concello de Tomiño quere expresar o seu profundo malestar pola actuación do alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, quen accedeu recentemente ás instalacións municipais do Campo de fútbol do Alivio sen autorización previa nin comunicación algunha. O rexedor, acompañado por concelleiros da oposición - do Partido Popular -, utilizou o recinto para realizar unha sesión fotográfica coa finalidade de emitir unha nota de prensa.
Dende o executivo local consideran que esta actuación supón unha grave falta de respecto ás normas básicas de convivencia institucional, ademais dun uso indebido de espazos públicos con fins claramente partidistas. A este respeto, vén de remitirse unha carta ao alcalde solicitando explicacións e desculpas polo acontecido.
Ademais, laméntase a difusión de información incorrecta en relación cos obxectivos e o orzamento do proxecto, que foi presentado polo propio Concello a unha liña de axudas da Deputación de Pontevedra. O custo total da iniciativa ascende a preto de 320.000 euros, dos cales a subvención só cubrirá pouco máis do 50%.
Cabe lembrar, ademais, que o señor Álvarez Carrero accedeu ás instalacións o pasado mércores, 16 de abril, cando a resolución da subvención foi aprobada pola Xunta de Goberno da Deputación este mesmo luns, 21 de abril, e aínda non foi notificada oficialmente ao Concello.
“As portas do concello están sempre abertas para calquera representante institucional, pero este comportamento non só é inaceptable, senón que tamén pon en risco a boa relación que debe existir entre institucións públicas. Esa relación debería basearse na lealdade e no respecto mutuo que se lle debe ao goberno municipal escollido pola maioría dos tomiñeses”, sinalan desde o goberno municipal.

Ningún comentario:
Publicar un comentario