Constatan irregularidades na atención a persoas maiores na residencia Monte Tecla da Guarda
• A CIG-Servizos denunciara as deficiencias detectadas no centro diante da Consellaría de Política Social, que está a tramitar un expediente
Redacción / A Guarda
O servizo de Inspección de Maiores, Discapacidade e Dependencia vén de constatar as irregularidades denunciadas pola CIG na residencia da terceira idade Monte Tecla, da Guarda, e que afectan a atención que se lle presta ás persoas usuarias. O departamento autonómico comunicou a apertura dun expediente polas deficiencias detectadas no centro, mais evitou concretar ás sancións á empresa.
No escrito remitido á Consellaría de Política Social a finais do ano pasado a central sindical denunciaba, entre outras irregularidades, que o persoal da quenda de noite era o encargado da hixiene diaria dalgunhas residentes, polo que estas tarefas se realizan contra ás catro da mañá ou que o centro emprega o espazo de enfermaría como zona de descanso nocturno de persoas usuarias cando acepta prazas de máis, cando fai reformas nos cuartos ou para aloxar a persoas dependentes que carecen de familia.
Outras deficiencias teñen que ver coa falta de mantemento tanto das instalacións como do propio material de traballo, até o punto de que por exemplo os guindastres de apoio para as duchas ou as cadeiras de rodas para o traslado das persoas dependentes non funcionan correctamente.
En consecuencia, a CIG-Servizos solicitaba que se investigasen os feitos, se procedese a sancionar á empresa e se levase a cabo un seguimento para evitar este tipo de condutas. Na súa resposta a Inspección de Maiores recoñece a existencia destas irregularidades no funcionamento da residencia e asegura que o persoal inspector requiriu a súa emenda, así como que está a tramitar un expediente, mais sen concretar as sancións á empresa.
En canto ao seguimento solicitado pola central sindical para evitar estas condutas que comprometen a calidade da atención ás persoas maiores, o departamento autonómico limitouse a contestar de xeito xenérico que “por parte deste servizo faise un seguimento continuo ao centros que prestan servizos sociais a través das oportunas inspeccións, ao obxecto de controlar o cumprimento dos requisitos legalmente esixibles e de calidade”. Unha labor inspectora que no caso da residencia Monte Tecla non serviu para detectar as irregularidades postos de manifesto pola representación sindical da CIG.
Ningún comentario:
Publicar un comentario