Galicia presenta no mercado portugués a súa proposta de turismo auténtico, diferencial e sostible
• A 35 edición da Feira de Turismo de Lisboa permite explorar as posibilidades do mercado portugués, o principal emisor de visitantes á comunidade
• O número de visitantes procedentes de Portugal medrou o 8% en 2024
Infogauda / Lisboa
Galicia visita un ano máis a Bolsa de Turismo de Lisboa, a BTL, cunha proposta de turismo baseado nas experiencias e na sostibilidade, coa vontade de captar novos públicos internacionais e seguir incrementando as visitas do mercado portugués. Trátase do evento de referencia do sector en Portugal, que neste 2025 acada a súa 35 edición.
A presenza da comunidade céntrase no posto de 72 m2 de Turismo de Galicia. O espazo configúrase como lugar de difusión da oferta para potenciais visitantes, ademais de punto de encontro de profesionais. Entre este último grupo figura unha representación do Clúster de Turismo de Galicia, en misión comercial con empresas do sector.
A feira celébrase do 12 ao 16 de marzo no recinto da FIL do Parque das Naçoes, na capital lusa. Durante as tres primeiras xornadas, o evento centrouse no público profesional, con iniciativas como a Bolsa de Contratación Hosted Buyers. Esta proposta, organizada pola BTL, favoreceu unha serie de encontros B2B con touroperadores e axentes de viaxes de diferentes países, na que participou a Axencia, así como outras empresas galegas.
O venres pola tarde, o sábado e o domingo, a BTL abre as súas portas para o público xeral. Na pasada edición recibiu a 79.000 visitantes, que puideron coñecer os 1.500 expositores e 85 destinos internacionais presentes.
Internacionalización e desestacionalización
Coa súa participación na feira, Turismo de Galicia busca difundir a oferta da comunidade no seu principal mercado emisor. Segundo os datos do INE, no relativo a aloxamento, 377.000 persoas procedentes de Portugal aloxáronse nos establecementos galegos o pasado ano, un 8% máis que en 2023. Precisamente, neste ámbito -o de aloxamento-, o turismo luso supuxo en 2024, o 19,3% do total de visitas internacionais na comunidade en 2024, un 3% máis que o ano anterior.
Ademais, o mercado luso contribúe significativamente á desestacionalización da demanda en Galicia, posto que realiza estancias nas tempadas media e baixa.
No que atinxe ao Camiño de Santiago, en 2024 rexistráronse 21.935 compostelas de peregrinos procedentes de Portugal, un 6% máis que o ano anterior. A maior parte destes peregrinos -o 75% en 2024- realiza o Camiño Portugués –sendo maioritaria a ruta interior co 55% do total das compostelas fronte á alternativa de costa que absorbe o 20%.
Ningún comentario:
Publicar un comentario