18 de mar. de 2025

TUI

Presentación do libro “As benfaladas” de María Xosé Porteiro, este xoves en Tui 

 A autora manterá unha conversa con Paula Cabaleiro nunha cita que forma parte da programación do 8M. Será ás 19 h na sala Félix Rodríguez    




Infogauda / Tui

 A programación do Concello de Tui “Os nosos dereitos, hoxe, mañá e sempre” polo 8M, Día Internacional da Muller, continuará este xoves, 20 de marzo, ás 19 horas, na sala Félix Rodríguez, no edificio Francisco Sánchez, coa presentación do libro “As benfaladas” de María Xosé Porteiro.  

 María Xosé Porteiro é xornalista, escritora, política e feminista radicada en Vigo dende a súa adolescencia. Na súa faceta como escritora publicou varios libros, como “Quen é quen no primeiro Parlamento Galego” (1981); “A comunicación en Galicia” (1999); “Covardes” (2000); ou “Vine, vi... y hablé. Las mujeres frente al discurso público” (2012).  

 Agora presentará en Tui a súa nova obra, “As benfaladas”, onde reflexiona sobre a prohibición que durante moitos anos tiveron as mulleres de poder, simplemente, falar. Con prólogo de Priscila Retamozo, politóloga especializada en igualdade de xénero, Porteiro propón alternativas para acelerar o proceso de normalización equitativo e civilizador que supón respectar e propiciar o acceso da voz e do pensamento feminino á sociedade, entendido como unha necesidade para combater a violencia simbólica que padece.  

 A autora manterá unha conversa con Paula Cabaleiro, xestora cultural e comisaria, nun encontro, con entrada é libre e gratuíta, ata completar á cabida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario