O tudense Diego Alfonsín presenta a súa nova novela “Birken”
• Será este xoves, 13 de marzo, ás 19.30 h, no edificio Francisco Sánchez
Infogauda / Tui
Este xoves, 13 de marzo, ás 19.30 h, a Biblioteca Municipal de Tui acollerá a presentación da novela “Birken” do escritor tudense Diego Alfonsín. Esta obra publicada na colección Literaria Ronsel, da Editorial Galaxia, conta a historia de Birken. No acto o autor estará acompañado por Evangelina Rivero Alonso.
A presentación está organizada pola Librería Nobel coa colaboración do Concello de Tui.
Esta novela conta a historia de Birken que só quere saber onde comezan e onde acaban as preguntas, por iso pon os signos de interrogación ao comezo e ao final.
Diego Alfonsín (Tui, 1980) é licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo, despois de cursar un curso académico na Universidade Nova de Lisboa. Posteriormente realizou estudos de Xornalismo na Universidade Carlos III de Madrid, durante os cales recibiu unha bolsa para cursar un semestre na Universidade de São Paulo. Na actualidade é profesor de Ensino Secundario de Lingua e Literatura Galega. Entre os anos 2008 e 2016 viviu en Alemaña, onde traballou como lector de galego e español na Universidade de Heidelberg. Escribiu as novelas “Lenta demolición” (2015, Premio de Novela Miguel de Unamuno) e “Non o saben as estrelas” (2018, Premio Manuel Lueiro Rey de novela curta), o libro de contos “Heidelberg” (2018) e o ensaio literario “Libro de notas” (2022).
Diego Alfosín ten acadado distintos premios e recoñecementos. Así en 2014 gañou o XXVIII Premio Internacional de Cuentos Max Aub; en 2015 o I Premio literario Miguel de Unamuno por “Lenta demolición”; e en 2017 a XXIV edición do Premio de novela curta Manuel Lueiro Rey por “Non o saben as estrellas”. O ano pasado foi finalista en castelán do Premio Torrente Ballester con “Silvidos en las cumbres”.
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente, salienta que “resulta unha satisfacción acoller a presentación desta novela de Diego Alfonsín coa que continua a súa traxectoria no ámbito literario, onde mestura obras en galego e castelán”. Destaca a concelleira que na obra de Alfonsín “destaca sempre a súa alta calidade que o consolidan como unha voz propia no panorama literario de Galicia”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario