Recoñecemento ao papel das mulleres, música e poesía para conmemorar o 8M en Tui
• Será este sábado, ás 19 h, no Teatro Municipal con entrada libre
Infogauda / Tui
O Teatro Municipal de Tui vai acoller este sábado, 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o acto institucional organizado polo Concello de Tui para conmemorar este día. Un evento de recoñecemento que porá en valor o papel das mulleres na sociedade, recoñecendo a súa loita, talento e contribución en diferentes ámbitos.
A música e a poesía terán un protagonismo destacado. Ao longo do acto alumnado e profesorado do Conservatorio Profesional de Música de Tui interpretarán pezas de compositoras, entre elas a galega Margarita Viso Souto. A poesía chegará na voz de tres alumnas do IES San Paio.
Ademais, renderase unha homenaxe a tres mulleres tudenses referentes, representantes do talento mozo, do liderado feminino e da loita pola igualdade desde a diversidade cultural.
O acto - con entrada libre até completar á cabida -contará con intervencións institucionais do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e da concelleira de Igualade, Ana Nuñez. A lectura do Manifesto do 8M correrá a cargo da xornalista e guionista Diana López Varela.
Previamente, mañá sábado, dende ás 10.30 h na praza da Inmaculada, ou en caso de choiva no interior do edificio situado nesta praza, desenvolverase o obradoiro “Tecendo feminismo” no que coa colaboración do M&R Abalorios as persoas participantes realizan uns pendentes morados en crochet amais de compartir espazo de encontro, de reflexión e aprendizaxe no que tecer redes, entrelazar fíos e construír feminismo. A participación é libre non sendo precisa inscrición previa.
Os actos organizados polo Concello de Tui co lema “Os nosos dereitos, hoxe, mañá e sempre” continuarán ao longo das próximas semanas. Cómpre lembrar que o cartel deste ano é obra da ilustradora Luz Beloso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario