11 de mar. de 2025

TUI

Paseo literario por Tui sobre a figura de Manuel Lago González 

 Comezará este domingo, 16 de marzo, ás 11.30 h, na Oficina Municipal de Turismo no Paseo da Corredoira




Infogauda / Tui  

 Este domingo, 16 de marzo, ao abeiro das actividades programadas polo Concello de Tui para a conmemoración do centenario do falecemento do bispo e poeta tudense Manuel Lago González, terá lugar un paseo literario por diversos lugares da cidade vinculados á súa figura e traxectoria. Comezará ás 11.30 h, na Oficina Municipal de Turismo, no Paseo da Corredoira.  

 O Seminario Conciliar, o Teatro Principal, as sede da redacción do xornal “La Integridad”, a Casa do Concello, a catedral de Santa María,..,. son lugares relacionados coa actividade e a obra de Manuel Lago González que serán visitados neste paseo literario.  

 A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla, explica que esta actividade pretende rescatar os lugares de memoria de Manuel Lago, como un xeito de achegarse ao coñecemento da súa vida e traxectoria. Este é o obxectivo último do ciclo de actividades que estes días organiza o Concello tudense para lembrar a súa figura ao cumprirse os cen anos do seu falecemento, o 18 de marzo de 1925 cando era arcebispo de Santiago de Compostela.  

 Estas xornadas continuaran o luns 17 de marzo, ás 19 h, no Espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela, cunha mesa redonda sobre Manuel Lago González que contará coa intervención de Avelino Bouzón Gallego, arquiveiro da catedral de Tui; José Manuel García Iglesias, profesor da USC; e Marga do Val, escritora e profesora.  

 Finalmente o martes 18 de marzo, ás 19 h, na data do centenario do seu falecemento, rematará este ciclo cunha conferencia sobre traxectoria de Manuel Lago González por Marta Cendón Fernández, profesora de Universidade de Santiago de Compostela. Será no Espazo rúa Camilo José Cela.

Ningún comentario:

Publicar un comentario