César Mosquera desmonta as escusas do PP sobre a perda dos fondos para os edificios centrais do Museo e lembra que o proxecto, “maduro e listo para licitar”, aprobouse en maio do 2023
• O voceiro do BNG acusa ao goberno da Deputación de comportamento “sectario” e de “agredir con falsidades” por asegurar que non había nada avanzado para rehabilitar a mazá central
Infogauda / Pontevedra
O voceiro do BNG na Deputación, exvicepresidente provincial e responsable do Museo, César Mosquera, foi hoxe contundente ao respecto á postura do PP sobre os edificios centrais do Museo: os ‘populares’ están a ter un comportamento “sectario” “agredindo” ao anterior goberno provincial con acusacións “radicalmente falsas”. Así o dixo Mosquera ao coñecer as escusas que deu o presidente Luís López ante a máis que probable perda da subvención de tres millóns de fondos europeos para a obra, ao soster que non se poderán executar as obras no prazo obrigado porque cando o Partido Popular chegou á Deputación “non había nin proxecto básico”.
Mosquera puxo sobre a mesa feitos claros e contrastables que desmontaron a afirmación que o presidente da Deputación fixera na rolda de prensa da Xunta de Goberno apenas minutos antes. Lembrou que o proxecto para reformar os edificios centrais do Museo aprobouse en Pleno da Corporación provincial o día 19 de maio de 2023 cos votos a favor do BNG e do PSOE e co PP en contra. Explicou que o proxecto non se podía ter aprobado se non tivera todos os condicionantes. O seguinte paso, dixo, era licitar.
O exvicepresidente destacou tamén que se conseguiron os fondos do PIREP porque unha das cousas que se valoraban na convocatoria era a madurez do proxecto. “Máis da metade –das solicitudes- quedaron fóra e se lle deron –a axuda- a este –proxecto- era porque estaba moi maduro”, subliñou o nacionalista.
“Señor presidente, cando lle dixeron que o proxecto dos edificios centrais do Museo estaba verde, mentíronlle abertamente. Mentíronlle... ou se non, dígame, como é posible que Secretaría e Intervención permitiron que viñera a Pleno e se aprobara o proxecto? Que pasa? Secretaría e Intervención daquela xogáronse o tipo e o fixeron mal? Non, estaba todo para licitar e aquí nesta casa –polo salón de plenos- apróbase o proxecto, e na seguinte sesión ábrese a licitación”, explicou Mosquera.
Abondou o voceiro subliñando que a intención do anterior goberno provincial era abrir o procedemento para contratar. Porén, dixo, “como houbo unhas eleccións polo medio, dixéronnos que como era un tema gordo, que mellor que non o fixeramos e non o fixemos, pero abríase a licitación. Quen lle dixo que se mandaron uns papeliños para Madrid –para pedir a subvención-... Mire vostede a solicitude e verá que era un proxecto moi, moi, moi maduro, moi avanzado e listo para licitar”, abondou.
Mosquera fixo estas aclaracións a López no Pleno recoñecendo que o presidente “non pode mirar todos os papeis e ás veces lle contan cousas que son radicalmente falsas. Neste caso é radicalmente falso”. Subliñou que “por parte deste grupo e desta persoa en particular, non puido haber máis lealdade cando se dixo ‘estamos a disposición para colaborar e sacar adiante’. E o comportamento que tiveron e están a ter é absolutamente sectario: Un ofrece colaboración e o que recibe de volta son falsidades, acusacións sobre bases falsas. É o que hai e laméntoo”, subliñou, mantendo a pesares de todo o ofrecemento de “toda a colaboración porque os temas son moi complicados”.
Finalizou Mosquera a súa intervención asegurando que moi probablemente as acusacións do PP contra o BNG “non vaian máis alá das diferencias políticas”. “Pero que nos agrida así sobre falsidades non o podo deixar pasar”, advertiu.
Plan Extra
César Mosquera realizou as súas declaracións sobre o Museo no Pleno para aprobar o Plan Extra. Poñendo por diante o voto a favor do BNG, o nacionalista subliñou que o panorama que describiu o PP ao falar das bondades do Plan Extraordinario “é unha distorsión da realidade” e fixo varias aclaracións.
Destacou que moitos dos proxectos presentados por parte dos concellos son “francamente deficientes”, xa que nalgúns casos non estaban de todo preparados nin suficientemente traballados. Lembrou Mosquera que xa cando se fixeron as bases advertira que se estaban a relaxar as condicións sobre a madurez dos proxectos. “Hoxe dannos a razón ao modificar as bases para admitir prórrogas, porque se non ía ser un auténtico desastre. Parte non ían executarse en tempo e forma de ningunha maneira”, dixo.
Mosquera tamén puntualizou ao PP que este plan é unha reedición dos postos en marcha nos anteriores mandatos, cando tamén se ampliaron os créditos para atender a todos os concellos. Dicir o contrario, tal e como fixo o Partido Popular, subliñou o voceiro do BNG, “é inxusto, irreal e leva a erros”.
Subliñou, así mesmo, que a ampliación de fondos que o goberno de López fixo do Plan Extra para atender a todas as solicitudes, sendo o plan máis amplo economicamente da historia provincial, débese a que a Deputación conta cuns remanentes de 66 millóns de euros. “Esquécelle dicir que é o –plan- máis grande que porque a Deputación quedou nunha situación económica extraordinariamente boa. Fixeron o ridículo ao dicir que nós a deixaramos mal”, insistiu.
Ningún comentario:
Publicar un comentario