4 de mar. de 2025

PONTEVEDRA

A Deputación conmemora o 8M no Museo de Pontevedra con dúas visitas guiadas centradas na represión feminina na Guerra Civil a través da mirada de Castelao 

• Helena Rodríguez Villar guiará o xoves 6 e o venres 7 ás 18:00 h as visitas comentadas aos Álbums de guerra de Castelao, sen necesidade de reserva previa


Helena Rodríguez Villar, investigadora e membro do Departamento de Educación do Museo de Pontevedra

Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 Con motivo da conmemoración do 8M, Día Internacional das Mulleres, a Deputación programa no Museo de Pontevedra dúas visitas guiadas a cargo de Helena Rodríguez Villar, investigadora e membro do Departamento de Educación do Museo de Pontevedra. As visitas terán lugar o xoves 6 e o venres 7 de marzo ás 18:00 h con acceso libre e sen necesidade de inscrición previa.  

 Os Álbums de guerra, de Castelao, son unha extraordinaria fonte de información sobre os terribles episodios acontecidos no noso territorio nos anos centrais da guerra civil española. Compóñense dun total de trinta e un debuxos, realizados e editados en Valencia e Nova York entre 1937 e 1938, protagonizados por mulleres, homes, nenas e nenos que sufriron nas súas propias carnes os abusos de poder, a política do medo e a violencia física e psicolóxica. A visita guiada centrarase naquelas imaxes protagonizadas por mulleres, co ánimo de levar a cabo unha aproximación a un tipo de represión moi específica, unha represión sexuada, dado que foi exercida exclusivamente sobre a muller co obxectivo de sinalar e castigar aquelas que se apartaron do canon feminino.  

 Helena Rodríguez Villar (Pontevedra, 1989) é licenciada en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (2007-2012) e conta cun máster en Servizos Culturais (2017-2018) e un doutoramento en Historia pola mesma universidade. O seu campo de investigación principal é o estudo dos comportamentos relixiosos na Época Moderna, concretamente de aqueles aspectos relacionados coa morte e co asociacionismo relixioso. Participou en diferentes encontros e seminarios nacionais e internacionais, coma o I Congreso Iberoamericano Cultura e Memoria: as Perspectivas da Morte (2018), no XI Congreso Virtual sobre Historia das Mulleres (2019), no VI Encontro Internacional de Xoves Investigadores en Historia Moderna: Mundo Hispánico: Cultura, Arte e Sociedade (2022), no XIV Congreso da Sociedade Española de Ciencias das Relixións (2023) ou no IV Seminario Internacional Desafíos da Historia na Universidade do Minho (2024). Desde 2016 forma parte do Departamento de Educación do Museo de Pontevedra e desde 2024 é profesora convidada no Programa Universitario de Maiores da Universidade de Vigo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario