3 de mar. de 2025

OIA

O concello de Oia adquire un punto limpo móbil e unha furgoneta eléctrica 

•  Grazas a unha axuda da Xunta de Galicia de 54.000 euros


O concello de Oia aproveitou parte da subvención para adquirir unha furgoneta eléctrica que permitirá desprazar o punto limpo polas distintas parroquias do municipio
Fotos: X.G.


Infogauda / Oia

 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o concello de Oia, con motivo da posta en funcionamento dun novo punto limpo móbil adquirido grazas ás axudas a entidades locais, concedidas pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal.  

 Así, o concello de Oia recibiu unha achega de 54.000 euros que permitiron a compra deste punto limpo no que os veciños e veciñas poderán depositar todo tipo de residuos como pilas e baterías; lámpadas e fluorescentes; roupa; ou incluso pequenos electrodomésticos.  

 Ademais, o concello aproveitou parte da subvención para adquirir unha furgoneta eléctrica que permitirá desprazar o punto limpo polas distintas parroquias de Oia.  

 Neste sentido, o delegado territorial aproveitou para poñer en valor este tipo de iniciativas que “facilitan que a poboación do rural contribúa no coidado do noso medio ambiente e diminúe a cantidade de residuos inapropiados que terminan depositados no contedor de orgánico”.  

 Cabe destacar que o total concedido nestas axudas en toda Galicia supera os 2,2 millóns de euros. No caso do da provincia de Pontevedra o orzamento foi de máis de 750.000 euros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario