A empresa Lonza, do Porriño, obrigada a readmitir a unha traballadora despedida tras denunciar acoso laboral
• O Xulgado do Social de Vigo condena a empresa por vulneración do dereito de tutela xudicial efectiva e fixa unha indemnización para a afectada
Infogauda / O Porriño
O Xulgado do Social número 5 de Vigo vén de condenar a empresa Lonza Biologics, do Porriño, por vulneración do dereito fundamental de tutela xudicial efectiva, ao tempo que declarou nulo o despedimento dunha traballadora que denunciara acoso laboral por parte dos seus superiores xerárquicos e fixou unha indemnización por danos morais para a afectada.
O maxistrado considera que o despido ten relación directa coa denuncia de “trato vexatorio” por parte do equipo de formación que a afectada lle trasladou aos responsábeis da empresa. Con todo, o maxistrado non aprecia delito de acoso laboral contra a afectada.
Este clima laboral agravouse tras volver dunha baixa médica e provocoulle un “deterioro do seu equilibrio anímico”, polo que se veu obrigada a coller unha nova baixa. Unha vez reincorporada ao seu posto, e despois de interesarse pola concesión dunhas axudas para crianzas con discapacidade, “a traballadora vese sorprendida por ese fulgurante despido disciplinario carente de causa, á vista dos termos en que aparece redactada a carta”.
Polo que a sentenza establece a súa inmediata readmisión e fixa unha indemnización por danos morais, ademais de obrigar ao pagamento dos salarios deixados de percibir pola traballadora dende o 18 de abril de 2024, data na que se produciu a rescisión de contrato.
Antes do despido a propia traballadora, que atravesaba un cadro de ansiedade como consecuencia do acoso ao que estaba sendo sometida, decidira solicitar a baixa voluntaria e aceptar unha proposta de traballo noutra empresa.
Entón, a dirección de Lonza convocouna a unha entrevista para interesarse pola súa decisión de causar baixa voluntaria. A afectada relátalle “con todo detalle” aos responsábeis da empresa a situación que padece, logrando convencela de que anule a comunicación de baixa, ao tempo que lle transmiten que contan con ela e garántenlle que van intervir no que acontece. “Mais non activan o protocolo de acoso, nin toman medidas; pola contra, as persoas sinaladas pola afectada son coñecedoras da denuncia e intensifican a presión sobre a traballadora”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario