11 de xul. de 2025

A GUARDA

A Guarda celebra esta fin de semana o seu ADN mariñeiro coa II edición da Rosegha

A festa arranca mañá sábado e incorpora como novidade unha homenaxe aos gameleiros, co izado simbólico de velas de gamela tradicionais 

 


Mar Bermúdez / A Guarda

 A Guarda celebra esta fin de semana a segunda edición da Rosegha, unha festa que transforma o porto nun espazo de encontro coa identidade mariñeira da vila. A programación comeza mañá sábado 12 de xullo e prolongarase ata o domingo ao mediodía, cunha ampla oferta de actividades para todos os públicos: navegacións, obradoiros, exposicións, maquetas e propostas pensadas para as familias. 

 A novidade máis emotiva deste ano será a Homenaxe aos Gameleiros, que se celebrará o domingo ás 11:00 da mañá. Se as condicións o permiten, izaranse tres velas de gamela moi antigas, cada unha nunha embarcación tradicional, nun xesto simbólico que busca recoñecer e agradecer o legado das persoas que fixeron da gamela o seu modo de vida. “Con este simple acto queremos dar un salto no tempo e recrear, na honra dos que o protagonizaron, aqueles días nos que preto de cen gamelas saían do porto da Guarda a pescar veleando”, explican desde a organización. 

 Durante toda a fin de semana, o público poderá mergullarse na tradición marítima a través das exposicións de maquetas e material náutico, as saídas na embarcación Piueiro, as navegacións de maquetas e os obradoiros infantís como os barcos de lata ou as navoas de cortiza. 

 A Rosegha está organizada pola Asociación Piueiro e conta co apoio da Deputación de Pontevedra, que reafirma así o seu compromiso coa posta en valor do patrimonio mariñeiro e co impulso das iniciativas culturais que fortalecen a identidade do territorio.  

 A organización anima á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse ao porto da Guarda e sumarse a esta festa do mar que mantén vivo o vínculo coas raíces mariñeiras da vila. Porque a Rosegha non é só memoria: é presente, cultura e orgullo compartido.

Ningún comentario:

Publicar un comentario