17 de mar. de 2025

O ROSAL

O Concello organiza unha visita guiada á exposición de Mar Caldas no CGAC  

 A excursión será o vindeiro sábado 22 de marzo con transporte de balde. Necesaria inscrición previa, prazas limitadas  

• A mostra ‘Mulleres, traballo e memoria’ rende homenaxe á loita de tres xeracións de mulleres galegas e conta con varias rosaleiras como protagonistas  


Unha das fotografías que se amosan na exposición ‘Mulleres, traballo e memoria’, da artista viguesa Mar Caldas, no Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC)
© Mar Caldas

Infogauda / O Rosal

 O Concello organiza unha excursión o vindeiro sábado 22 de marzo a Santiago de Compostela ver a exposición ‘Mulleres, traballo e memoria’, unha mostra da artista viguesa Mar Caldas no Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC) que homenaxea á loita de tres xeracións de mulleres galegas a través dunha reflexión visual sobre a realidade laboral feminina con varias rosaleiras como protagonistas.  

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destaca a importancia desta iniciativa como “unha oportunidade única para coñecer o traballo dunha artista pioneira na arte feminista en Galicia e reflexionar sobre as loitas das mulleres no eido laboral, especialmente no mar e no rural. Esta exposición dálle voz e visibilidade ás nosas mulleres, gardiás dunha memoria que non podemos deixar esquecer”. 

 Con transporte en autobús de balde, a excursión sairá ás 09.00 h desde o Edificio da Cámara Agraria na Praza do Calvario, con regreso previsto dende Santiago ás 13.30 h. A actividade inclúe unha visita guiada pola propia artista Mar Caldas e pola comisaria da mostra, Monse Cea, así como un descanso con café no CGAC e a proxección de imaxes de ‘Facedoras’. 

 A mostra ‘Mulleres, traballo e memoria’ pon en valor o esforzo e as historias das mulleres que foron clave na economía do mar e do rural galego. A través de fotografías, vídeos e testemuñas, a exposición reconstrúe a memoria de tres xeracións de mulleres que desafiaron os obstáculos impostos pola sociedade. As rosaleiras destacan como protagonistas en catro cadros de gran formato e nun vídeo que amplifica as súas voces, resultado dos proxectos ‘Cen por cen contigo’ e ‘Facedoras’. 

 As prazas para esta excursión son limitadas, polo que é necesario realizar inscrición previa no 986 62 50 00 ou presencialmente no Concello.

Ningún comentario:

Publicar un comentario