Nova formación en Competencias Dixitais para persoas desempregadas en Tui
• O curso, de carácter gratuíto, desenvolverase no Centro Municipal de Formación, en Guillarei, en horario de 9 a 14 h.
Infogauda / Tui
O xoves 6 de marzo comezará en Tui unha nova formación en Competencias Dixitais, dirixida á poboación desempregada do municipio. O curso, de carácter gratuíto, desenvolverase no Centro Municipal de Formación, en Guillarei, en horario de 9 a 14 h.
O programa inclúe un total de cinco cursos de 40 horas cada un, nos que se abordarán diferentes áreas do Marco Galego de Competencias Dixitais. Ademais, contarase cun módulo transversal de igualdade e unha sesión de orientación laboral, reforzando así a formación integral das persoas participantes.
Esta iniciativa ten como obxectivo proporcionar á cidadanía as habilidades dixitais necesarias para o mercado laboral actual, favorecendo a súa inserción no emprego. A obtención do título de "Competencias Dixitais" e a adquisición de coñecementos específicos neste ámbito permitirán ás persoas participantes aumentar as súas oportunidades de emprego.
Ademais, a formación tamén está orientada á mellora das capacidades dixitais de persoas desempregadas, promovendo así o emprendemento e o desenvolvemento rural.
Os cursos estrutúranse en tres niveis Básico, Intermedio e Avanzado cunha duración de 200 horas por nivel. Ao remate ofrecerase un itinerario adaptado ás necesidades das persoas participantes. Como incentivo, aquelas que completen a formación recibirán unha tableta como obsequio.
As persoas interesadas poden obter máis información e realizar a súa inscrición a través do Centro Municipal de Formación, en Guillarei, no correo formacion@tui.gal ou do teléfono 986 81 81 81
Ningún comentario:
Publicar un comentario