18 de feb. de 2025

DEPORTES

ATLETISMO

ÁLEX SIERPES PEREIRA, NOVO PRÍNCIPE GALEGO DOS 1.500 METROS, NA CATEGORÍA SUB18

 Sendo atleta xuvenil de 2º ano, vén de lograr en Portugal un tempo de 3´52"42, na proba do 1.500 metros lisos, en pista cuberta, baixando o récord de sempre do Campionato Nacional de Portugal Sub20 

 Ademais, o guardés pecha o campionato co Sport Lisboa e Benfica, co bronce por equipos na categoría junior masculino

Álex Sierpes Pereira vén de lograr un novo récord na proba dos 1.500 metros lisos, na categoría Sub18


Redacción Deportes / A Guarda

 Esta pasada fin de semana o atleta Álex Sierpes Pereira, de A Guarda, desprazouse ata á pista de Pombal (Leiría) para disputar o Campionato Nacional de Portugal Sub20 baixo teito, tanto en individual como o colectivo (masculino e feminino).  

 O atleta do Baixo Miño, entrou na convocatoria do equipo masculino do Sport Lisboa e Benfica, participando na proba dos 1.500 metros.  

 O evento arrincou o sábado en xornada de tarde, pechándose o domingo de mañá, onde se presenciou a coroación dos seus respectivos campións da tempada 2025 ao finalizar o acto. 

 Unha vez máis, o atleta de A Guarda sobresaíu coa súa actuación no papel deportivo, aínda que para poder estar presente neste campionato tivo que sacrificar o seu respectivo Campionato de Galicia de pista cuberta Sub18, que se celebrou esta fin de semana en Expourense. Por ese motivo, despois de acordalo cos seus respectivos adestradores, determinaron como mellor opción, a de participar en Portugal, porque lle sacaría máis proveito e rendibilidade ao ser un nivel deportivo superior, valéndolle para aprender a formarse atléticamente mellor.  

 Álex Sierpes Pereira, con 16 anos, séguese confirmando, que é a nova sensación do medio fondo galego, triturando o récord galego dos 1.500 metros en pista cuberta Sub18, arrebatándollo ao mismísimo Adrián Ben, vencendo no Nacional Sub20 de Portugal de pista curta. Sendo atleta xuvenil de 2º ano, esta vez fíxoo na proba do 1.500 metros lisos, baixando o récord de sempre do Campionato do país luso, cun tempo de 3´52"42. 

 Ademais, o guardés pecha o campionato a maiores co Sport Lisboa e Benfica, co bronce por equipos na categoría junior masculino, establecendo tamén marca mínima persoal. 

 A falta da aprobación da homologación do rexistro, confírmase que coa mesma idade é máis rápido que o grandioso atleta lucense campión de Europa e olímpico, Adrián Ben Montenegro, en pista curta da devandita proba.  

 En menos de 15 días, en tan só dúas intervencións baixo teito, logrou 3 récords que se apuntan co seu nome. Dese xeito convértese no novo príncipe dos 1.500 metros de Galicia na categoría Sub18.  

Álex Sierpes Pereira cos seus compañeiros do equipo masculino do Sport Lisboa e Benfica


 Sierpes gozou tamén o bronce por equipos masculino, e desfrutou tamén co logro das compañeiras mozas, as cales fixéronse co subcampionato feminino por equipos. 

 Este novo éxito de Álex Sierpes Pereira vén precedido polo récord de Galicia dos 3.000 metros en pista cuberta, de hai uns días, conseguido en Braga con 8´19"02.

Ningún comentario:

Publicar un comentario