A Guarda contará neste 2025 cunha nova biblioteca e sala de estudos
• Ubicadas na antiga Casa do Concello, na praza do Reló
Infogauda / A Guarda
O antigo edificio do Concello da Guarda está a sufrir unha profunda remodelación grazas ao obradoiro de emprego de albanelaría Manuel B. Portela X, que deu comezo o pasado decembro. A antiga casa consistorial da Guarda, na praza do Reló, albergará a nova biblioteca pública municipal e unha moderna sala de estudos. “Con estas novas instalacións, queremos dar resposta a unha demanda habitual, sobre todo, da xuventude, de moitos guardeses e guardesas que buscan un espazo de concentración e estudo preto da súa casa”, explica o alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero.
Un total de 20 persoas desempregadas participan no obradoiro de emprego encargado da obra e todos os participantes obterán un certificado de albanelaría ao remate, para axudar na súa procura de emprego. Álvarez Carrero sinala a conexión que consegue este tipo de obradoiros, pois “os beneficiarios do obradoiro obteñen formación e emprego durante moitos meses e, á súa vez, todos os guardeses e guardesas seremos beneficiarios desta nova biblioteca e sala de estudos”.
Estas instalacións serán máis eficientes enerxeticamente e contarán con todo o necesario para ofrecer o mellor servizo e comodidade aos usuarios e usuarias. Segundo Isidro Lomba Lorenzo, concelleiro de Vías e Obras, “esta é unha de gran importancia para A Guarda, polo que imos a facer unha gran renovación do edificio, renovando ventás, balconada e tamén o tellado, para obter o mellor resultado posible”.
Ademais, Isidro Lomba agarda que a obra conclúase nun prazo de oito meses, polo que A Guarda contará con nova biblioteca municipal e sala de estudos antes do remate de 2025.
Ningún comentario:
Publicar un comentario