A Feira do Viño do Rosal buscará certificarse como festa sostible
• O evento será unha das festas que Galicia Suroeste certificará polo seu compromiso ambiental ao abeiro dunha iniciativa pioneira na comunidade galega
Infogauda / O Rosal
A Feira do Viño do Rosal será certificada como festa sostible polo seu compromiso co medio ambiente. Tras a implantación de 5 proxectos piloto no territorio, Galicia Suroeste testou un protocolo de certificación e creou unha guía de implantación de festas sostibles para todo o territorio.
O modelo contempla varias fases de traballo que son iniciadas coa análise exhaustivo de cada unha das festas, a importación dunha formación específica con protocolos de actuación, así como da comprobación in situ das medidas implantadas e a consecución dos obxectivos para ser certificada como Festa Sostible por Galicia Suroeste. Como resultado da certificación emítese tamén un plan de mellora personalizado para seguir acadando obxectivos na busca da sustentabilidade medioambiental total.
Na nova fase do proxecto, consistente na implantación da guía de certificación nas 14 festas mais importantes e representativas do territorio, a Feira do Viño do Rosal buscará a súa certificación xunto con outras novas 13 feiras e festas nos concellos de Galicia Suroeste.
O grupo de desenvolvemento rural Galicia Suroeste vén de adxudicar o contrato para a realización dos traballos de implantación e tamén contempla a formación e capacitación do equipo técnico, que será o responsable da implantación da certificación a partir do vindeiro ano. Poderán solicitar participar todas as festas existentes nos 14 concellos que forman parte do ámbito territorial (Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Soutomaior, Redondela, Mos, O Porriño, Mos, Nigrán, Gondomar, Baiona, Oia, A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui), tanto organizadas polos concellos como organizadas por asociacións e comisións de festas privadas.
Coa execución deste proxecto, enmarcado dentro do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino “A Despensa de Galicia”, financiado con Fondos da Unión Europea – Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation, a entidade, os concellos e o tecido asociativo do territorio, ratifican o seu compromiso na loita contra o cambio climático e cos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible.
Ningún comentario:
Publicar un comentario