BALONMÁN FEMININO
O Mecalia Atlético Guardés busca a súa primeira vitoria en Granollers desde 2018
• Visita este sábado ás 20:00 horas o Palau d’Esports de Granollers en busca de dous puntos cruciais para manterse no alto da táboa
• O Mecalia Atlético Guardés non gaña no feudo catalán dende 2018, na tempada na que gañou a Liga
• Non hai baixas adicionais a Elena Martínez e Ania Ramos
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés visita esta fin de semana Granollers. A xeito de preludio para a Copa de la Reina, este sábado 22 de febreiro ás 20:00 horas as de Ana Cristina Teixeira Seabra xogarán no feudo do KH-7 BM Granollers o encontro de décimo oitava xornada da Liga Guerreras Iberdrola. Trátase dun partido crucial polas primeiras posicións da táboa, contra o cuarto clasificado e segundo mellor ataque da categoría, que as da Guarda tratarán de frear para sumar dous puntos importantes unha semana máis, ademais, nunha pista onde non o fai dende 2018. Polo demais, a situación no plantel visitante mantense, sen ningunha ausencia adicional ás baixas de Elena Martínez e Ania Ramos.
O Mecalia Atlético Guardés chega ao encontro despois de asinar unha vitoria con carácter, na casa ante o Rocasa Gran Canaria. Un partido en que soubo corrixir os erros que viña arrastrando en duelos pasados, coma o exceso de riscos ou as perdas de balón, e que dominou ata os minutos finais, cando as canarias ameazaron con cambiar a dinámica (21-19). Unha semana máis, o Mecalia Atlético Guardés soubo facer control de danos e valerse dun importante colchón de goles na primeira metade para manterse por diante, amosando a súa capacidade para limitar as pretensións de case calquera rival.
Este sábado, as de Ana Cristina Teixeira Seabra buscarán facer o propio fronte a un duro contrincante, que chega ao seu encontro nun momento moi diferente ao que atravesaba cando se cruzaron por primeira vez esta tempada. En canto á convocatoria, o equipo da Sangriña non terá que sobrepoñerse a ningunha ausencia adicional ás lesións de longa duración de Elena Martínez e Ania Ramos. A palentina, que rompeu dous dedos na palma da man esquerda hai catro xornadas e foi operada hai case tres semanas, tivo este venres unha nova cita médica para coñecer a evolución da súa fractura.
Pola súa parte, e volvendo ao equipo rival, o KH-7 BM Granollers chega ao partido inmerso tamén nun grande momento. A ultima vez que se cruzou coas da Guarda, no duelo de quinta xornada ligueira, o conxunto catalán sufrira importantes lesións no seu plantel, militaba na parte baixa da táboa e aínda non sumara a súa primeira vitoria esta tempada, nin logrou facelo aquel sábado de outubro (28-22). Unha situación que contrasta plenamente co seu estado actual: as anfitrioas recibirán ao Mecalia Atlético Guardés dende o cuarto posto, cun total de dez vitorias, dous empates e cinco derrotas, e no medio dunha serie de catro triunfos consecutivos que tratarán de ampliar a calquera prezo ante o líder. Ademais, o Granollers é o segundo equipo máis goleador da categoría, tan só por detrás do vixente campión Bera Bera: as de Ana Seabra terán que estar na súa mellor versión para frear os máis de 27 goles por partido que de media encaixan as catalás na rede rival.
Pero o dato que máis preocupa entre as filas guardesas ten que ver con datas: a última vez que o Mecalia Atlético Guardés conseguiu gañar no Palau remóntase a 2018, precisamente na tempada en que o título ligueiro quedou na Guarda. De feito, o último duelo entre ambos na pista granollerina, hai xusto un anos, saldouse cunha indubidable vitoria local (31-22, xornada 17 da pasada tempada). Pero este curso é o Mecalia Atlético Guardés o que loita polo liderado, e o plantel dirixido por Ana Cristina Teixeira Seabra fará todo o posible para dominar o xogo ao seu favor e rachar coa maldición que pesa sobre as súas visitas a Granollers nos últimos anos.
Ana Cristina Teixeira Seabra: “Sabemos que non vai ser unha tarefa doada, pero estamos moi centradas en loitar polos dous puntos”
A adestradora do Mecalia Atlético Guardés, Ana Cristina Teixeira Seabra, afronta con actitude este novo duelo ligueiro, no que considera “outra semana na que podemos seguir abríndonos camiño na Liga”. Sabe que o de Granollers será un partido moi complicado, nunha pista na que non gañan dende 2018, e ante un equipo que segue a ter “moitos argumentos” na Liga e que “colectivamente, vese moi traballado, e nun bo momento da tempada”, indica.
Porén, a técnica cre que a concentración e confianza no seu propio traballo, unha semana máis, serán chave. “Creo que realmente temos que centrarnos no noso traballo”, explicou, “tamén estamos facendo cousas boas e sabemos que non vai ser unha tarefa doada pasar por Granollers, pero estamos moi centradas en loitar polos dous puntos”. Seabra apuntou que “soamente un partido máis consistente que nos últimos anos” as súas poderán “saír de Granollers con dous puntos”, cruciais para manterse na loita polo título de cara á recta final da tempada.
AXENDA
Liga Guerreras Iberdrola
Xornada 18
KH-7 BM Granollers – Mecalia Atlético Guardés
Sábado, 22 de febreiro ás 20:00 horas, no Palau d’Esports de Granollers
Retransmisión pola canle de YouTube de Vallès Oriental televisió (VOTV): https://www.youtube.com/live/6YKFu1d-JAM
Ningún comentario:
Publicar un comentario