19 de feb. de 2025

O ROSAL

O Trail Adventure Muíños do Folón volve bater récord de participación cun percorrido inédito  

 Máis de 600 deportistas de 12 provincias de España e do norte de Portugal desafiarán os montes do Rosal este 23 de febreiro nunha das probas máis esperadas do ano   

 A carreira consolídase como un evento de referencia que cada edición atrae a máis persoas interesadas nun turismo deportivo, na natureza e no patrimonio   


A alcaldesa e o concelleiro de Deportes participaron no acto de presentación da proba, no que estiveron acompañados polo director técnico do evento, así como por representantes da Comunidade de Montes do Rosal; de persoas voluntarias que cada ano participan na celebración da proba; e da Asociación Española Contra o Cancro (AECC)

Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Rosal prepárase para vivir unha nova edición do Trail Adventure Muíños do Folón, unha proba que non só desafía a resistencia das e dos corredores, senón que mergulla a todas e todos os participantes nunha contorna natural de espectacular beleza. Este domingo 23 de febreiro máis de 600 deportistas chegados de 12 provincias de España e do norte de Portugal disputarán esta esixente carreira de montaña. Como novidade, nesta oitava edición, o percorrido incluirá un tramo inédito polo miradoiro do Niño do Corvo, un enclave cunha impresionante panorámica da comarca.  

 Unha combinación de esforzo, natureza e solidariedade, coa que O Rosal reafírmase como un referente do trail running en Galicia. A carreira comezará ás 10.00 horas coa saída dende a praza do Calvario da proba longa, a Advance, de 21 km e 1.000 metros de desnivel polos montes do Rosal. Un pouco máis tarde, ás 10.45 horas sairá dende o mesmo punto a versión Adventure, de 12 quilómetros e 500 metros de desnivel.  

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou a importancia “dunha proba xa consolidada coa que cada ano poñemos en valor a natureza e o patrimonio ligados ao turismo deportivo. Esta proba polos muíños do Folón non só pon en valor estas xoias patrimoniais, senón que reflicten tamén o noso compromiso cunha actividade sostible que favoreza a calidade de vida e que potencie o noso paisaxismo”.  

 Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, subliñou “o rotundo éxito desta carreira, que cada ano supera o seu teito de persoas inscritas e bate récords de participación. Aos seus inicios a proba contaba con apenas 300 corredores e corredoras, e hoxe, na súa oitava edición, duplicamos esa cifra. Iso demostra a paixón crecente polo trail e pola nosa contorna natural e a grande importancia desta proba na práctica do deporte ligado á montaña”.  

 Alcaldesa e concelleiro participaron no acto de presentación da proba, no que estiveron acompañados polo director técnico da proba, así como por representantes da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Santa Mariña, do Rosal; das persoas voluntarias que cada ano participan na celebración da proba; e da Asociación Española Contra o Cancro (AECC). E é que, como cada ano, o Trail Adventure Muíños do Folón amosará a súa cara máis solidaria recadando fondos a favor da AECC a través da venda de artigos de comercialización nun posto aberto ao público durante a celebración da carreira. 

 Dende o Concello quere agradecerse unha vez máis a colaboración da Comunidade de Montes do Rosal, de Protección Civil e as persoas veciñas, e afeccionadas ao sendeirism,o que forman parte do grupo de voluntariado activo que percorren os montes para crear novas rutas e que cada ano o evento deportivo sexa diferente e un pouco mellor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario