Continúa aberto o prazo de inscrición no obradoiro de fotografía “Narracións visuais dende o local”
Infogauda / Oia
O Concello de Oia organiza o obradoiro “Narracións visuais dende o local”, unha actividade gratuíta que comezará no mes de marzo e será impartida pola fotógrafa Ana Belén Jarrín. As sesións terán lugar no Centro Cultural de Pedornes os mércores de 18.30 a 20.30 horas durante os meses de marzo, abril e maio, sempre que se acade un grupo mínimo. O prazo de inscrición continúa aberto e as persoas interesadas poden apuntarse chamando ao Concello no número de teléfono 986 362 125.
O taller vai dirixido a persoas de calquera idade (preferentemente a partir dos 16 anos) interesadas na fotografía e abordará aspectos tanto técnicos como creativos, sen que sexa preciso ter ningún coñecemento previo. Deste xeito, o traballo orientarase á creación de imaxes que sirvan para contar historias persoais e colectivas, traballando o empoderamento das persoas, a súa capacidade de análise crítica e a reflexión sobre a identidade. O único requisito para participar é ter unha cámara fotográfica dixital ou un teléfono móbil con cámara.
Ao longo das distintas sesións achegaranse os principais aspectos técnicos sobre fotografía (apertura, composición, luz, edición, etc.) e, ao mesmo tempo, irase traballando na narrativa visual. Trátase de obter imaxes que conten historias persoais conectadas coa memoria, o territorio, a vida no rural e o patrimonio local.
Cada participante irá elaborando a súa propia proposta individual desde o inicio do obradoiro, traballo que irá evolucionando nas diferentes sesións. Ademais, xunto á proposta individual convidarase a xerar un traballo colectivo que aproveite os materiais sonoros que se vaian xerando durante a propia actividade. O proxecto culminará cunha presentación pública en formato audiovisual que se proxectará dentro da xornada festiva do 6x6 Punto de Encontro a celebrar no mes de xuño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario