22 de feb. de 2025

A GUARDA

A Guarda contará neste 2025 cunha nova biblioteca  e sala de estudos   

 Ubicadas na antiga Casa do Concello, na praza do Reló


O alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, con Isidro Lomba Lorenzo, concelleiro de Vías e Obras, supervisando ás obras na antiga casa consistorial da Guarda, na praza do Reló, que albergará a nova biblioteca pública municipal e unha moderna sala de estudos
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O antigo edificio do Concello da Guarda está a sufrir unha profunda remodelación grazas ao obradoiro de emprego de albanelaría Manuel B. Portela X, que deu comezo o pasado decembro.   A antiga casa consistorial da Guarda, na praza do Reló, albergará a nova biblioteca pública municipal e unha moderna sala de estudos. “Con estas novas instalacións, queremos dar resposta a unha demanda habitual, sobre todo, da xuventude, de moitos guardeses e guardesas que buscan un espazo de concentración e estudo preto da súa casa”, explica o alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero. 


Documento de "Reforma de planta primera (sic) para biblioteca", asinado polo arquitecto José Ignacio Peña Chocarro

 Un total de 20 persoas desempregadas participan no obradoiro de emprego encargado da obra e todos os participantes obterán un certificado de albanelaría ao remate, para axudar na súa procura de emprego. Álvarez Carrero sinala a conexión que consegue este tipo de obradoiros, pois “os beneficiarios do obradoiro obteñen formación e emprego durante moitos meses e, á súa vez, todos os guardeses e guardesas seremos beneficiarios desta nova biblioteca e sala de estudos”.  

 Estas instalacións serán máis eficientes enerxeticamente e contarán con todo o necesario para ofrecer o mellor servizo e comodidade aos usuarios e usuarias. Segundo Isidro Lomba Lorenzo, concelleiro de Vías e Obras, “esta é unha de gran importancia para A Guarda, polo que imos a facer unha gran renovación do edificio, renovando ventás, balconada e tamén o tellado, para obter o mellor resultado posible”.  

 Ademais, Isidro Lomba agarda que a obra conclúase nun prazo de oito meses, polo que A Guarda contará con nova biblioteca municipal e sala de estudos antes do remate de 2025.

Ningún comentario:

Publicar un comentario