4 de set. de 2024

A GUARDA

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, reuniuse co alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero  

A Xunta de Galicia e o Concello de A Guarda avanzan na súa colaboración para impulsar o emprego e o emprendemento neste municipio pontevedrés 

No encontro tamén participou o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández e tratáronse cuestións como o obradoiro de emprego que se lle adxudicou na convocatoria deste ano relacionado con operacións de urbanización e albanelería

 

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, mantiveron hoxe un encontro co alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, e outros membros do equipo de goberno municipal

Foto: X.G.

Infogauda / A Guarda 

 O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, mantiveron hoxe un encontro co alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, e outros membros do equipo de goberno municipal, para avanzar na colaboración entre a Xunta e este concello pontevedrés co fin de impulsar o emprego e o emprendemento neste municipio

 Neste sentido, na xuntanza abordáronse ferramentas como os obradoiros duais de emprego dos que é beneficiario este Concello, o que ten en vigor actualmente e o que recibiu axuda no marco da convocatoria deste ano. Este último é o obradoiro Manuel B. Portela X, que conta cunha achega autonómica de preto de 412.000 euros. Unha acción cunha vintena de persoas participantes que recibirán formación ao tempo que desempeñan un traballo remunerado e que se centrará en operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización e de fábricas de albanelería. 

 Tamén se trataron outros apoios como o programa Aprol Rural do que na convocatoria de 2024 A Guarda obtivo axudas autonómicas de máis de 41.000 euros para a contratación este ano de dous traballadores co gallo de levar a cabo tarefas relacionadas coa prevención de incendios forestais como a planificación preventiva, valorización forestal, silvicultura, limpeza de montes ou xestión da biomasa. 

 A estas súmanse os apoios a persoas en risco de exclusión social perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) para facilitar a súa inserción laboral a través de traballos de interese xeral e de utilidade social. Para este fin o concello da Guarda recibiu unha achega autonómica de máis de 59.400 euros coa que contratou este ano a cinco persoas. 

 No ámbito do emprendemento, o conselleiro lembrou que as persoas interesadas en emprender no municipio de A Guarda teñen á súa disposición o Polo de emprendemento e apoio ao emprego do Porriño, que presta asesoramento individualizado e gratuíto a calquera persoa que queira emprender un negocio ou consolidar o que xa ten. Desde a súa posta en marcha a finais do ano pasado, este polo ten atendido máis de 370 proxectos a través de arredor de 750 titorías.

Ningún comentario:

Publicar un comentario